O ex secretario xeral do PCE fala de "nazional-independentistas"

Francisco Frutos empregou a súa conta de Twitter para bater contra @s manifestantes da Diada, a quen comparou con nazis e franquistas.

Paco Frutos(1)

O que fora secretario xeral do Partido Comunista de España (PCE) e candidato de IU nas eleccións xerais de 2000, Francisco Frutos, uniuse na xornada de onte ao coro de voces unionistas que criticaron a masiva mobilización desenvolvida con motivo da Diada polas rúas de Barcelona. 

Frutos, quen se ten pronunciado en anteriores ocasións contrario á independencia de Catalunya, afirmou na súa conta persoal de Twitter que "escoitar os nazional-independentistas cataláns é regresar ao túnel do tempo" para logo acrecentar que "é difícil non asocialos aos energúmenos franquistas". 

Frutos escribiu no seu blogue que o a "independencia e o independentismo ao único que contribúen é a dividir máis as clases traballadoras e populares na procura de quimeras absurdas"

O ex-líder do PCE advertira nun chío anterior que mudaría o concepto "nacional-independentistas", como viña denominando ao movemento soberanista catalán, polo de "nazional-independentista" após o acontecido na Diada 2014. 

Non é a primeira ocasión en que as declaracións de Francisco Frutos se dirixen contra o independentismo, principalmente catalán. No seu blogue afirmou nun artigo publicado a finais do pasado ano que o a "independencia e o independentismo ao único que contribúen é a dividir máis as clases traballadoras e populares na procura de quimeras absurdas". Aliás, dicía do soberanismo que "é unha reacción do mundo máis rural e primitivo". 

O PP, na mesma liña

Francisco Frutos non foi o único que esta sexta feira equiparou o 'V' xigante construído polo independentismo co nazismo. Así, o voceiro do PP en Sabadell, Esteban Gesa, partillaba tamén na rede social Twitter unha montaxe de imaxes baixo o epígrafe de "Non hai 2 sen 3..." para posteriormente combinar dous cartaces de propaganda nazi cunha 'V' polo dereito a decidir o vindeiro 9 de novembro en Catalunya. 

Comentarios