O ex presidente español Mariano Raxoi (PP) nega ter calquera relación coa 'Operación Catalunya'

O ex presidente español Mariano Raxoi (PP), o 5 de marzo de 2025 no Congreso. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
Comisión de investigación no Congreso español

“Non teño ningún coñecemento da existencia dunha denominada ‘Operación Catalunya’” nin de “ningunha trama parapolicial, nin por tanto das presuntas irregularidade da mesma”, reiterou a cuarta feira o ex presidente español e ex líder do Partido Popular (PP), Mariano Raxoi, na comisión de investigación ao respecto no Congreso.

Con todo, xa hai máis dunha década que transcendeu a existencia da trama desenvolvida contra o soberanismo catalán aproveitando os recursos do Estado, que foi deseñada precisamente no seu paso polo liderado do Goberno español entre 2011 e 2018, e o pasado ano a Fiscalía catalá unificou a investigación xudicial sobre os feitos.

Insistindo en que “non sei unha palabra sobre todo isto”, Raxoi centrou a súa defensa na actuación do seu Gabinete para frear a proclamación de independencia de Catalunya tras o referendo de independencia de 2017, no marco do que o Estado aplicou o artigo 155 da Carta Magna para intervir o territorio.

O pasado ano, unha investigación xornalística corroborou que o propio Raxoi estivo detrás da ‘Operación Catalunya’, que incluíu a espionaxe ilegal e a difusión de informacións falsas para desacreditar líderes e persoas relevantes no movemento independentista ou chantaxear a Banca Privada d’Andorra para que aceptase compartir datos sensíbeis.

Raxoi era informado a través de sobres entregados polo servizo de escoltas dos movementos coordinados por Jorge Fernández Díaz (PP), daquela ministro de Interior, nos que participaba o ex comisario da Policía española José Manuel Villarejo. 

Ao tempo, Raxoi aseverou que “nunca espiaría membros” do lexislativo, após ser cuestionado sobre a espionaxe a membros de Podemos.

O voceiro de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) no Congreso, Gabriel Rufián, recomendoulle “para o futuro” que contrate un avogado. “O ano que vén hai un xuízo do 'caso Kitchen’”, remarcou. 

Este caso, no que tamén está implicado Villarejo ou Díaz, céntrase nunha operación de Interior para roubar información que puidera prexudicar altos cargos do PP en mans do seu ex tesoureiro, Luis Bárcenas.

Díaz, que tamén compareceu na comisión de investigación da Cámara Baixa, fixo énfase en que “xamais despachei” con Villarejo, aínda que existen gravacións que suxiren o contrario.

Arredor da contabilidade paralela da forza conservadora manexada por Bárcenas, na que aparece “M. Raxoi”, o ex ministro remarcou que “supoño que é Mariano Raxoi”.