Europa renova os seus cargos
Foron necesarios tres días de reunións e negociacións ininterrompidas a porta fechada e sen teléfonos móbiles para que os 28 xefes de Estado e de Goberno da Unión chegaran a un acordo sobre a repartición dos cargos de máxima responsabilidade da escena comunitaria. Foi o cumio máis longo da historia, que deu paso ao nomeamento de catro figuras controvertidas que botaron por terra o proceso de Spitzenkandidaten e consolidan o poder político e económico de Alemaña e Francia no seo da Unión Europea. Eis un extracto da información publicada no semanario en papel Sermos Galiza número 354.
Nin a repartición xeográfica, nin as persoas escollidas, nin o equilibrio de xénero logrou satisfacer a maioría, que ve na elección dos líderes do vello continente un intento de coartar a democracia interna da UE, de consolidar a súa dirección en mans dos gobernos estatais e de reforzar esa alianza recorrente entre Francia e Alemaña.
O leste non obtén nada. Os liberais entran na roda do poder da man de Charles Michel. E por primeira vez dúas mulleres acceden ás dúas institucións comunitarias con máis peso político e económico. As designacións de Von der Leyen e Lagarde como presidentas da Comisión Europea e do BCE, respectivamente, foron as máis discutidas. A elección da francesa resolveuse dentro do paquete político sen reparar nas esixencias técnicas do cargo mentres que o nomeamento da alemá ignorou o sistema dos Spitzenkandidaten, os candidatos líderes, un intento por democratizar e avanzar no parlamentarismo europeo que se estreou en 2014 e que procura que un eurodeputado presida a Comisión Europea grazas ao número de escanos da única institución da UE elixida por sufraxio universal.
Ursula von der Leyen, médica, 60 anos. Converterase na primeira muller en presidir a Comisión Europea se a Eurocámara ratifica o seu nomeamento. É a actual ministra de Defensa alemá. Non é eurodeputada, non foi nomeada polo Parlamento Europeo. A súa candidatura recibiu numerosas críticas entre os socios da coalición gobernante en Alemaña, que consideran a súa designación pouco lexítima fronte á do candidato principal, tamén conservador, Manfred Weber. Esa tería sido a decisión máis democrática, din.
Von der Leyen contou coa recomendación inicial de Macron e ten o apoio de Angela Merkel malia a ser a única dos 28 que se abstivo na votación da que saíu elixida polas diferenzas no seo da coalición de goberno.
A elección da ministra alemá viuse reforzada, ademais, polo aval de Hungría, Polonia, República Checa e Eslovaquia, contrarias ao nomeamento do socialista Frans Timmermans pola apertura de procesos contra Hungría e Polonia por violar o Estado de Dereito e ignorar os principios da UE; e incluso ao de Weber, que votou a favor da censura de Hungría no Parlamento Europeo e da suspensión de Viktor Orbán do Partido Popular Europeo.
Aínda que chega cuestionada polos líderes do seu país e en horas baixas pola súa xestión, por inflar o seu currículo e outorgar, supostamente, contratos millonarios irregulares; Ursula von der Leyen é unha política rexa, de longa traxectoria, que defende o reforzo do exército europeo e o aumento de contribucións á OTAN de até o 2%.
[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]