Washington permite a Israel ignorar o ultimato e seguirá a darlle as armas para o xenocidio en Gaza

Crianza en Gaza o domingo. (Foto: Omar Ashtawy Apaimages / APA Imag / DPA vía Europa Press)
Os sionistas non cumpriron as condicións exixidas.

“Israel, segundo os estándares que se fixou, logrou os obxectivos”, afirmou a cuarta feira o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, descartando calquera limitación aos envíos masivos de armas ao réxime sionista despois de rematar o límite imposto por Washington para mellorar as condicións humanitarias. Esas armas son chave para o xenocidio que Israel está a cometer no territorio palestino da Faixa de Gaza.

O voceiro do Departamento de Estado, Vedant Patel, incidiu horas antes en que o réxime está a respectar o dereito internacional humanitario, o que, segundo a lexislación do país americano, lle permite continuar a armalo.

Con todo, a realidade é que, como aconteceu con anteriores liñas vermellas marcadas polo Executivo de Joe Biden, Israel ignorou as súas demandas sen que isto afectara ás relacións e entregas de armas do seu principal aliado, que continúa a garantir que actúe con impunidade, como confirmaron oito entidades humanitarias, entre elas Anera, Oxfam ou Save the Children.

Nun informe, constataron que das 19 medidas exixidas por Washington só se cumpriron parcialmente catro, empeorando incluso a situación nos ámbitos chave reclamados, como a entrada dun mínimo de 350 camións con axuda humanitaria cada día ou frear a lexislación que prohibe no Estado e nas áreas ocupadas a Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para as refuxiadas e refuxiados palestinos. A cifra en outubro foi de arredor dunha trintena de camións por día, cando son necesarios máis de 500.

No norte de Gaza, onde incluso o xornal sionista Haaretz admitiu que o réxime israelí está a desenvolver unha operación de limpeza étnica, non entrou ningún camión en outubro, e no primeiro que accedeu este mes, a semana pasada, as tropas israelís obrigaron a descargalo antes de chegar á poboación. O 11 de novembro foi a primeira vez neste tempo que Israel permitiu entrar un convoi de axuda da ONU, que denunciou que despois de entregalo o réxime sionista bombardeou a zona e obrigou toda a poboación a fuxir.

Ilze Brands Kehris, subsecretaria de Dereitos Humanos da ONU, detallou que o “patrón” de ataques israelís en Gaza ratifica que se trata dunha “violación sistemática” dos dereitos humanos. Case 44.000 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel na Faixa desde outubro do pasado ano, ás que se suman máis de 3.300 persoas no Líbano.

Precisamente neste último país o intento de invasión israelí non logrou consolidar o seu control en ningunha localidade, e Hezbolá lanzou un ataque aéreo contra o Ministerio de Guerra e o Estado Maior israelí, en Tel Aviv, namentres os sionistas proseguen cos ataques indiscriminados contra a poboación civil libanesa.