Sete estadounidenses morren en dous tiroteos en menos de 24 horas

Dúas crianzas de dous e trece anos atópanse entre as persoas feridas.
Zona acordonada pola policía de Texas despois dun tiroteo en xuño de 2022. Arquivo / Europa Press
photo_camera Zona acordonada pola policía de Texas despois dun tiroteo en xuño de 2022 (Foto: Arquivo / Europa Press).

Cando menos tres persoas faleceron e outras oito resultaron feridas nun tiroteo rexistrado esta terza feira na cidade Fort Worth, en Texas, nos Estados Unidos de América, no que supón o segundo suceso mortal con armas que se rexistra no país norteamericano en menos de 24 horas.

A Policía de Texas, Estado que se atopa no extremo sur dos EUA, confirmou despois do suceso que "se produciu un tiroteo" e matizou que "todo apunta a varias vítimas mortais que foron trasladadas ao centro hospitalario de Harris Southwest".

Pola súa parte, Shawn Murray, do Departamento de Policía de Fort Worth, sinalou nunha rolda de prensa que polo menos cinco persoas feridas foron trasladadas ao hospital John Peter Smith, informou a CNN.

Tiroteo en Pensivania

"É moi cedo para dar detalles do tiroteo. Non sabemos se se trata dunha disputa de bandas ou doutro tipo de violencia", dixo en relación a un suceso que se produciu tan só horas despois de que catro persoas morreran e outras dous resultaran feridas noutro tiroteo rexistrado en Filadelfia, no Estado de Pensilvania, ao norte da costa leste dos Estados Unidos de América.

O tiroteo de Filadelfia tivo lugar esta segunda feira pola noite e os servizos de emerxencia trasladaron as vítimas a hospitais, aínda que se descoñece o estado das persoas feridas, que foron dúas crianzas de dous e trece anos. O atacante, que xa foi detido, portaba armas de varias clases.

Mortes tamén en Maryland

Previamente, o domingo, outras dúas persoas morreron e 28 resultaron feridas, tres de extrema gravidade, na cidade estadounidense de Baltimore, no Estado de Maryland, tamén ao norte da costa leste dos EUA, a consecuencia dun tiroteo acontecido durante as festas do coñecido barrio de Brooklyn.

Comentarios