Os Estados Unidos vetan a presenza de Abbas na Asemblea Xeral da ONU
Aproveitando que a sede da Organización das Nacións Unidas (ONU) está nunha cidade estadounidense, Nova York, o Goberno de Donald Trump comunicou a sexta feira que rexeitará ou revogará os visados de entrada de altos cargos da Autoridade Nacional Palestina e a Organización para a Liberación de Palestina, entre eles ao presidente palestino Mahmoud Abbas, para evitar que participen na Asemblea Xeral da ONU en setembro.
A Casa Branca, que mantén o apoio fechado ao réxime israelí incluso no marco do xenocidio en Gaza e da fame negra que causou no enclave, aduciu para xustificar a decisión que están a “socavar as perspectivas de paz”, matizando que deixarán acceder ao país as persoas que integran a misión permanente palestina no organismo.
Precisamente na Asemblea Xeral, varios aliados estadounidenses como Francia, o Reino Unido, Australia ou o Canadá adiantaran que procederán a formalizar o seu recoñecemento dun Estado palestino.
Entrementres, na Faixa os sionistas proseguen co intento de ocupación da Cidade de Gaza, e anunciaron a fin das supostas pausas tácticas que activaran por mor da denuncia internacional pola fame deliberada que impuxeron.
Arredor dun millón de palestinas e palestinos está en risco de desprazamento forzoso por esta operación, advertiu a ONU, mais Israel insiste en completar a limpeza étnica na zona.
Cinco persoas máis, dúas delas crianzas, pasaron a formar parte da lista de óbitos por inanición, sinalou o Ministerio de Saúde gazatí, elevando o total a 322, 121 delas nenas e nenos. Ao tempo, a cifra confirmada de persoas asasinadas no xenocidio desde outubro de 2023 superou as 63.000.
Asemade, o Consello de Seguridade da ONU aprobou a última extensión do mandato da súa forza no Líbano, onde está desde 1978, que terá que retirarse a partir de finais de 2026. Isto foi celebrado por Israel e os Estados Unidos, que ameazou con vetar unha nova prórroga, deixando sen autorización formal a misión, de non incluírse no texto a retirada.
Pola súa parte, o réxime sionista sostivo que matou o primeiro ministro da área de Iemen controlada polos hutís, Ahmed al Rahawi, entre ataques contra altos cargos do grupo, que mantén os lanzamentos de mísiles contra o territorio israelí en defensa de Gaza.
Ao enclave palestino dirixirase a Flotilla Global Sumud, que parte este domingo de Barcelona, a capital catalá, cargada de axuda humanitaria para intentar rachar o asedio ao territorio.