Os Estados Unidos sancionan o Brasil, Granada e países africanos polas misións médicas cubanas

Marco Rubio, secretario de Estado dos Estados Unidos, o 22 de xullo de 2025. (Foto: Yuri Gripas - Pool vía CNP / Europa Press / Contacto)
Brindan atención sanitaria a millóns de persoas.

Marco Rubio, secretario de Estado estadounidense, fixo público que restrinxirán os visados a funcionarios de “países africanos”, Cuba e Granada, tamén no mar Caribe, polos pactos coa Habana co fin de despregar misións médicas cubanas, recolleron a quinta feira medios internacionais.

Asemade, tamén anunciou a mesma medida para Mozart Julio Tabosa, secretario do Ministerio da Saúde brasileiro, e un ex traballador gobernamental, Alberto Kleiman, polo seu papel á hora de organizar un programa, Mais Médicos, cos equipos médicos cubanos, e que foi lanzado en 2013 por medio dun convenio coa Organización Panamericana da Saúde (OPS), a sección continental da Organización Mundial da Saúde (OMS). De feito, tamén ex funcionarios da OPS que Rubio non nomeou sufriron as medidas coercitivas.

O responsábel de Exteriores de Washington, que procede dos ambientes anticastristas de Miami, insiste en que se trata de traballo forzoso, ao que retrucou Alexandre Padilha, ministro da Saúde do Brasil, que “non nos dobregaremos ante quen perseguen as vacinas” ou a “ciencia”, ratificando que “temos moito orgullo deste legado que leva atención médica a millóns de brasileiros que antes non tiñan acceso á saúde”, após duplicar o actual Goberno, dirixido polo progresista Lula da Silva, a cifra de doutores na misión.

As restricións chegan no medio da disputa desatada por Washington, que elevou a 50% os aranceis aos produtos brasileiros polo xuízo ao ex mandatario ultradereitista Jair Bolsonaro, aliado seu, que foi imputado pola tentativa de golpe de Estado dos primeiros días de 2023. Ao respecto, nas alegacións finais do litixio, a súa defensa pediu a absolución “de todas as acusacións”, aseverando que “é inocente”.

Nese contexto, Lula sinalou que o propio presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, é consciente de que Brasília “é moito máis democrático” que Washington “en moitas cousas”, apuntando que se o golpe de Estado no Capitolio en 2021 tivese acontecido no Brasil “tería que pagar polos erros que cometeu”.

Impunidade para os crimes de militares e policías no Perú

No Perú, a presidenta Dina Boluarte, sostida politicamente pola ultradereita, promulgou unha lei de amnistía a militares e policías por violacións aos dereitos humanos entre 1980 e 2000, que beneficiará a quen aínda non recibira sentenza firme, e permite liberar neste caso os perpetradores que teñan máis de 70 anos.

O alto comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, Volker Türk, considerou a norma unha “afronta” ás vítimas deses crimes, e resolveu que viola o dereito internacional.