Os Estados Unidos liberan o ex presidente narco de Honduras no medio do reconto
O ultradereitista Juan Orlando Hernández (Partido Nacional, PN), ex presidente de Honduras condenado a 45 anos de prisión por narcotráfico nos Estados Unidos, foi liberado, indicaron a terza feira medios do país centroamericano, despois do anuncio do mandatario estadounidense Donald Trump de que lle concedería o indulto mentres pedía o voto para o PN.
A información xurdiu cando o escrutinio do Consello Nacional Electoral (CNE) das eleccións presidenciais do domingo, que decorreron en paralelo ás parlamentarias e ás municipais, levaba máis de medio día paralizado, algo que atribuíu a unha “falla técnica”, con 57% do reconto e cando Salvador Nasralla (Partido Liberal, PL) estaba a punto de superar na primeira praza Nasry Asfura (PN).
A isto se referiu Trump, asegurando que “semella que Honduras está a tratar de cambiar os resultados” e advertindo “se o fan” de “consecuencias graves”.
A progresista Rixi Moncada (Liberdade e Refundación, Libre), que ostentaba a terceira praza, denunciou a “inxerencia estranxeira imperial e directa” de Trump e unha fraude electoral coa manipulación do sistema de Transmisión de Resultados Electorais Preliminares (TREP).
A ex ministra no Goberno de Xiomara Castro (Libre) apuntou cara ao CNE por un cambio de normas na véspera dos comicios que limitou a validación das actas e impulsou resultados “inflados” para PN e PL, e exixiu que se conten todas as actas electorais.
Fin do TREP
Finalmente, o CNE informou de que o TREP xa non estaba activo, polo que a transmisión do escrutinio continuaría coas actas. Ao mediodía da terza feira na Galiza o reconto aínda estaba parado en 57%. Asfura mantiña o liderado con 39,91%, seguido de Nasralla con 39,89% e Moncada con 19,16%.