A esquerda, perto de acabar co narcoestado creado polos conservadores en Honduras

O Partido Libre lidera o reconto en Honduras con 20 puntos de vantaxe sobre os conservadores, nuns comicios coa sombra da fraude hai catro anos e marcados polas acusacións ao actual presidente de colaborar co narcotráfico.
A candidata do Partido Liberdade e Refundación (Libre), Xiomara Castro (no centro) celebra os primeiros resultados das presidenciais. (Foto: Délmer Membreño / dpa)
photo_camera A candidata do Partido Liberdade e Refundación (Libre), Xiomara Castro (no centro) celebra os primeiros resultados das presidenciais. (Foto: Délmer Membreño / dpa)

O progresismo en Honduras comeza a celebrar o triunfo electoral de Xiomara Castro, candidata do Partido Liberdade e Refundación (Libre), confirmando as tendencias das enquisas efectuadas durante a campaña electoral e colocando a esquerda de novo ao alcance do poder na nación centroamericana, poucos meses despois de facerse o 12º aniversario do golpe de Estado en contra de Manuel Zelaya, secuestrado e deportado a Costa Rica polo Exército co beneplácito dos Estados Unidos, pola súa alianza co venezolano Hugo Chávez.

O presidente do Consello Nacional Electoral de Honduras, Kelvin Fabricio Aguirre, adiantou poucas horas após fecharse as urnas os primeiros resultados do escrutinio das eleccións do domingo, nas que ademais da Presidencia, está en xogo a composición do Congreso, 298 Alcaldías e máis de 2.000 edís.

Co 51,45% das actas electorais xa contadas, Xiomara Castro, dona do deposto Zelaya, faise co 53,61% dos sufraxios, con case 20 puntos de diferenza sobre o seu inmediato perseguidor, Nasry Asfura, do oficialista Partido Nacional de Honduras, que recolleu o 33,87% dos votos.

En terceiro lugar sitúase Yani Rosenthal, do Partido Liberal, co 9,21% das papeletas. Ningunha das outras doce candidaturas supera o 0,3%, de feito, o número de votos en branco, 1,8%, é superior á suma dos seus sufraxios.

Democracia directa

“A partir deste momento o pobo terá vixencia eterna en Honduras, imos a por unha democracia directa participativa”, proclamou Castro desde a sede da formación pouco despois do avance de resultados, facendo un chamamento a “un diálogo con todos os sectores para que poidamos atopar puntos de coincidencia e conformar as bases mínimas para o próximo Goberno”.

Asemade, clamou que é tempo de deixar “fóra o odio, fóra a guerra, fóra a corrupción, fóra o narcotráfico e o crime organizado, non máis pobreza nin miseria en Honduras, até a vitoria sempre, xuntos imos transformar este país”, informou La Tribuna.

Aínda que non hai datos oficiais, o candidato de Libre en Tegucigalpa, Jorge Aldana, fixo público onte que após revisar as actas, a forza política tamén se faría coa capital.

Desde o Partido Nacional, declaráronse vencedores do proceso pouco despois do feche dos colexios electorais, reclamando ás e aos militantes que teñan confianza na súa vitoria e que se manteñan nas mesas até o final do reconto, publicou El Heraldo.

Esta situación xerou certa confusión polas semellanzas coas últimas eleccións presidenciais, cando no medio de denuncias de fraude electoral e dunha reelección polémica por estar prohibida até entón, Juan Orlando Hernández recuncou na Presidencia por apenas 50.000 votos, tras remontar no reconto ao tempo que se producía unha caída do sistema eléctrico en todo o país. As protestas deixaron 30 persoas falecidas.

Con todo, a violencia política tamén formou parte integral destes comicios. Cando menos unha trintena de persoas foron asasinadas no último ano por este motivo, alertou a Organización das Nacións Unidas.

O irmán do presidente cumpre cadea perpetua nos EUA

Unha das maiores incógnitas das eleccións é que acontecerá co presidente despois de acceder ao poder un novo Executivo. Juan Orlando Hernández non participou en ningún acto de campaña do Partido Nacional, e foi acusado tanto por testemuñas como por documentos de distintos procesos xudiciais nos Estados Unidos de recibir subornos de xefes do narcotráfico a cambio de brindarlles protección. Nun destes litixios, foi condenado por narcotráfico o irmán do mandatario, Tony, a cadea perpetua.

Isto ocorre mentres os índices sociais continúan a empeorar na última década. 3.3 millóns de persoas -arredor dun terzo do país- enfrontan inseguridade alimentaria, sostén o Banco Mundial, impulsando a emigración, cuxas divisas supoñen o 22% do PIB.

Comentarios