Escocia: "Unha nación independente na UE"

A primeira ministra e líder do Partido Nacional Escocesa, Nicola Sturgeon, apela no periódico alemán Die Welt á solidariedade europea de cara a conseguir a independencia do Reino Unido.
EuropaPress_3280821_19_august_2020_scotland_stirling_people_hold_placards_as_they_take_part_in (1)
photo_camera Manifestación pola independencia, o 19 de agosto en Stirling (Andrew Milligan / PA Wire)

Desde que se fixo efectivo o Brexit, o pasado 31 de xaneiro, a estratexia do Goberno de Escocia de cara á convocatoria dun novo referendo de independencia encamíñase agora a atopar apoio en Europa. O xornal alemán Die Welt publicou na quinta feira unha columna asinada pola primeira ministra e líder do Partido Nacional Escocés (SNP, nas siglas en inglés), Nicola Sturgeon, onde expresaba a vontade popular do seu país de se converter nun Estado independente que faga parte da UE.

"Escocia contribuíu moito a Europa a través do noso pobo, das nosas universidades de talla mundial, e agora especialmente na loita contra o cambio climático", escribiu. "O Goberno escocés considera que o mellor futuro para o noso país é ser unha nación independente dentro da UE". Precisamente, que a maioría da poboación escocesa votase a prol de se manter no clube comunitario no referendo sobre o Brexit de 2016 é unha das principais razóns esgrimidas polo independentismo para avogar polo segundo referendo de independencia, o coñecido popularmente como indyref2.

O apoio á secesión do Reino Unido alcanza xa unha porcentaxe récord de 58%, segundo unha enquisa desta semana. Elaborada por Ipsos Mori entre o 2 e o 9 de outubro, cunha mostra de 1.045 cidadás e cidadáns de Escocia de máis de 16 anos (idade mínima para poder votar), a sondaxe indica tamén un forte apoio ao SNP. 

Ademais, 72% das persoas consultadas están satisfeitas coa xestión que Sturgeon está a realizar da epidemia de coronavirus. Escocia ten as competencias, alén de en sanidade, en áreas como educación, transporte e administración local.

Mandato popular

Será en maio do ano que vén que se desenvolvan as eleccións ao Parlamento de Holyrood. De se confirmar unha nova triunfo por ampla maioría, o SNP considera que significaría un mandato do pobo para realizar o indyref2.  

Porén, o primeiro ministro británico, Boris Johnson, insistiu en varias ocasións que a consulta xa se realizou en 2014 e que non está disposto a que se faga outra canto menos nesta xeración. Para realizar o plebiscito, cómpre que o poder central active a Section 30, pola cal Londres transfire temporalmente a Edimburgo os poderes para podelo convocar. 

Este é o mecanismo que foi usado hai seis anos. Naqueles comicios, un total de 55% da poboación votou a prol de continuar sendo parte do Reino Unido. 

Comentarios