Erdogan depón os alcaldes esquerdistas das tres maiores cidades kurdas

A virada do Estado turco cara ao autoritarismo non se detén. O Goberno do islamista Recep Tayyip Erdogan destituíu unilateralmente os alcaldes das tres maiores cidades kurdas do territorio, Diyarbakir, Mardin e Van. Os tres gañaron as eleccións locais o pasado mes de abril nas fileiras da formación de esquerda e procurda Partido Democrático dos Pobos (HDP).
diyarbakir
photo_camera Imaxe da cidade kurda de Diyarbakir, cuxo alcalde depuxo o Goberno turco esta segunda feira. Foto: cedida.

Diyarbakir conta con case un millón de habitantes, Mardin con 140.000 e Van con 472.000. As tres eran rexidas polo HDP -Selçuk Mizrakli, Ahmet Türk e Örgokçe Ertan, respectivamente-, que nos comicios de ámbito turco acadou o 12% do voto e erixiuse no terceiro partido. O Executivo de Erdogan acusa os edís de presuntos vínculos “propagandísticos” co Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), a guerrilla kurda que considera “terrorista”.

As tres cidades kurdas cuxos alcaldes foron depostos esta segunda feira quedan agora baixo o mando dos gobernadores das tres provincias correspondentes, que dependen directamente do Ministerio de Interior. A maiores, a policía turca detivo 418 persoas en 29 provincias distintas, presuntos “simpatizantes” do PKK.

A persecución da oposición por parte de Erdogan intensificouse despois do misterioso golpe de Estado de 2016. No outono dese ano, removeu dos seus postos de primeiros edís máis de 30 rexedores do HDP. A maioría recuperaron o cargo pola vía democrática este abril.

Comentarios