Ás portas dunha terceira reunión oficial

ERC ve difícil un acordo en 2019

Comisión negociadora de ERC e PSOE (Europa Press)

Após Pedro Sánchez amosarse optimista coa posibilidade de ser investido presidente no que queda de 2019, desde Esquerra Republicana de Catalunya avisan da dificultade de chegar a un acordo antes de rematar o ano e, de este se producir , consideran que é máis factíbel que se dea en xaneiro. Na terza feira, 10 de decembro, terá lugar a terceira reunión oficial entre o PSOE e ERC para negociar a investidura. Trátase da primeira xuntanza que se realizará en Catalunya.      

En Esquerra “non teñen présa” para posibilitar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central e “ven difícil” poder chegar a un acordo co PSOE antes de rematar o ano. Así o anunciou a portavoz republicana Marta Vilalta esta segunda feira, 9 de decembro. 

“Hai cuestións que teñen que pasar e que inflúen", afirmou a voceira de ERC en referencia á resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que o vindeiro 19 de decembro ten previsto pronunciarse sobre a inmunidade de Oriol Junqueras, a posíbel inhabilitación de Quim Torra como president da Generalitat por non retirar “en tempo” lazos amarelos da sede do Govern ou a decisión sobre a euroorde que España cursou contra Carles Puigdemont e que tamén se resolverá previsibelmente en decembro. Para alén do máis, neste mes a formación republicana realizará o seu congreso nacional.

A semana pasada Pedro Sánchez amosábase confiado en poder acadar unha investidura antes de rematar o Nadal, unha reacción que non gostou nas filas republicanas. De facto, Marta Vilalta tamén puxo condicións para que se cumpran as expectativas de Sánchez, e deixou claro que “se o Partido Socialista ten moita présa, o que ten que facer son xestos de forma máis rápida. Será a maneira de acelerar as negociacións", aseverou. 

“Se o Partido Socialista ten moita présa, o que ten que facer son xestos de forma máis rápida. Será a maneira de acelerar as negociacións", aseverou Vilalta.

Nese sentido, Vilalta afirmou que tanto o Partido Socialista como Unidas Podemos “teñen a oportunidade de facer o contrario que fixo o Partido Popular: que se abandone a vía xudicial e apostar polo diálogo e a negociación para resolver os conflitos de carácter político".

Esta terza feira realizarase a terceira reunión oficial entre as delegacións de ambas as dúas forzas políticas, e será a primeira que se desenvolva en Catalunya. ERC aproveitará para afondar na necesidade de formar unha mesa de diálogo onde estean representados os Executivos catalán e español, na que se poida falar de todo, incluído o dereito de autodeterminación e con garantías de materializarse por medio dun calendario.

Na mesma liña que Vilalta tamén se expresou esta segunda feira o conseller de Acción Exterior da Generalitat, Alfred Bosch (ERC), quen asegurou de forma tallante nunha emisora catalá que o seu partido “non ten a responsabilidade histórica de facer presidente Pedro Sánchez, mais si de rematar coa represión”. Baixo esas premisas, Bosch anunciou que Esquerra  Republicana de Catalunya non renunciará a seguir demandando a posta en liberdade das presas e presos políticos". 

Avogou así mesmo o conseller Alfred Bosch pola vía de avanzar no diálogo e que este se produza sen límites de liñas vermellas e que, por tanto, o dereito a decidir dos pobos sexa un tema sobre o que se poida falar. Tamén marcou a necesidade de dialogar sobre a realización dun referendo como solución ao conflito político. 

Desde o PSC chaman a agardar até xaneiro pola formación republicana

“De non ser posíbel até xaneiro, será en xaneiro", así de contundente se expresou o secretario de organización do PSC e membro da comisión negociadora entre o Partido Socialista e Esquerra, Salvador Illa. A vontade da súa formación é, segundo Illa, lograr no menor tempo posíbel un Executivo “progresista e dialogante” no Estado español, e engadiu a ese respecto que o máis importante é a materialización do acordo de investidura. Illa respondeu desta maneira o anuncio de ERC de rebaixar as expectativas de conformación dun Goberno central, e aproveitou para rexeitar en rolda de prensa que se estivese a pór enriba da mesa negociadora a situación das presas e presos soberanistas. 

Porén, dentro do Partido Socialista hai disparidade de opinións sobre a marcha das negociacións. Así, após o aviso de ERC, a ministra en funcións Nadia Calviño, anunciada xa como vindeira vicepresidenta económica, chamou á urxencia de formar Goberno e á dificultade de agardar a 2020 para facelo. Deste modo, Calviño rexeitou que a responsabilidade de dar un Executivo ao Estado sexa só do PSOE; en alusión ao resto de grupos políticos da Cámara Baixa para que favorezan a investidura de Pedro Sánchez. 

Ao igual que en Esquerra, no PSC tamén teñen cita congresual en decembro. 1.069 delegadas e delegados acudirán esta fin de semana á cimeira. Farano sob o lema 'Somos xustiza social, feminismo e ecoloxía', co que queren vindicar unha “Catalunya unida na diversidade e ben gobernada, recoñecendo a pluralidade de sentimentos", en palabras de Illa.

O secretario de organización do PSC afirmou tamén que o novo congreso servirá para "posicionar" o seu partido de cara a unhas futuras eleccións catalás e defendeu que a forza liderada por Miquel Iceta ten a ambición de encabezar un Goberno progresista e de esquerdas en Catalunya.

Borràs advirte que a procura dun diálogo sen Junts non funcionará 

Un acordo de investidura entre ERC e o PSOE “non incluirá unha solución efectiva para Catalunya” de non contar coas demandas de Junts, afirmou esta segunda feira a portavoz desta forza independentista no Congreso, Laura Borràs. A voceira avogou polo diálogo entre todas as partes implicadas e denunciou que se está deixando á marxe o seu partido.

Nese sentido, Borràs reafirmou que o sentido de voto de Junts non está pechado, e que de ollaren no PSOE vontade de solucionar politicamente “un conflito político”, elas reconsiderarían o seu voto. Junts procura "unha solución para o conflito político" mentres que o PSOE "busca unha investidura para Pedro Sánchez", denunciou Borràs.

A voceira quixo remarcar que desde a súa formación non piden “condicións” a Sánchez, senón que esixen  "mínimos democráticos", á vez que remarcou que a súa forza "non vai dar os seus votos a cambio de nada".

Ás 10 horas da terza feira 10 de decembro reunirase en Waterloo a dirección da Crida Nacional per la República coa participación do ex president Carles Puigdemont. Esta forza, que pretende ampliar o espectro de Junts, analizará precisamente a situación política actual coas negociacións abertas entre ERC e o PSOE.