ERC gañaría as eleccións en Catalunya

De seren hoxe, 23 de outubro, as elección catalás, ERC sería a vencedora, seguida moi de perto por Junts. As forzas independentistas ficarían próximas ao 50% de apoio mais obterían unha ampla maioría absoluta.

O vicepresidente da Generalitat en funcións de presidente, Pere Aragonès (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera O vicepresidente da Generalitat en funcións de presidente, Pere Aragonès (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) gañaría as eleccións ao Parlament catalán de aconteceren agora. O independentismo obtería unha ampla maioría absoluta na Cámara con entre 72 e 75 escanos (a maioría está en 68), mais non chegaría ao 50% dos votos que marcou como obxectivo, ficando en 47,7%, segundo a nova  enquisa do Centre d'Estudis d'Opinió (CEO) da Generalitat.

ERC sería primeira forza con 35-36 escanos e 23,4% do voto, seguido moi de perto por Junts (JxCat), con 31-32 deputados e 19,4% de apoio. O PSC quedaría en terceiro lugar con 24-25 escanos. Ciudadnos perdería unha vintena de deputados e ficaría con 16-17 actas. Comuns obterían 8-9, o PP sobe até 7-8, a CUP tamén aumenta até os 6-7 e Vox entraría con 4 ou 6 escanos. 

O apoio á independencia continúa en 48,7% no que respecta á pregunta do CEO sobre que relación se prefire que haxa entre Catalunya e o Estado. Nesta mesma cuestión, ser unha comunidade autónoma española sitúase en 50,1% e formar parte dunha España federal é a opción preferida, con 74,1%.

A maioría das persoas enquisadas tamén prefire que a solución pase por un referendo pactado con España (82,5%). Que non haxa votación e seguir como se está é a opción que apoia 51,7% e declarar a independencia 'unilateralmente' conta con 37,3% de apoio.

Á pregunta do ceo sobre se 'quere que Catalunya se converta nun Estado independente?' o apoio á separación medra respecto do último estudo, pasando de 42% ao 45,5%. Pola contra, o 'non' á independencia baixou catro puntos: de 50,5% ao 46,3%, co que fica a menos dun punto por riba do 'si'. 

Comentarios