O equipo de Yoon advirte que os policías que o intenten arrestar poden ser detidos
Protesta para impedir que se cumpra a orde xudicial.
A tensión apoderouse a quinta feira de Corea do Sur, onde o equipo legal do presidente conservador Yoon Suk-yeol, suspendido das súas funcións pola Asemblea Nacional de maioría opositora por declarar a comezos de decembro a lei marcial, advertiu que se axentes de Policía intentan detelo poderían ser arrestados por parte do “servizo de seguridade presidencial ou de calquera cidadán”.
A terza feira, a Xustiza surcoreana aceptou a petición da oficina que investiga os delitos de altos cargos de emitir unha orde de arresto por rebelión no contexto do estado de excepción, no que Yoon ordenou deter líderes opositores e disparar contra as persoas no lexislativo, que votou esa noite para derrogar a lei marcial malia que prohibiu as actividades políticas.
O deposto presidente prometeu “loitar até o final” contra as “forzas antiestatais” que "violan a nosa soberanía", e recoñeceu o “duro traballo” dos seus partidarios, reunidos no exterior da residencia presidencial nunha tentativa de evitar que sexa apresado.
Esa mensaxe derivou en que as 6.000 persoas que se xuntaran na véspera no lugar case que se duplicaran a quinta, indicou o xornal Chosun Ilbo. Alí estaban tamén persoas investigadoras da oficina anticorrupción, ás que a seguridade presidencial impediu a súa entrada.
A Policía acabou por dispersar unha trintena de seguidores de Yoon que se tombaron no chan ante o acceso da residencia. O centrista Partido Demócrata, que ten maioría absoluta no Parlamento, sinalou en alusión a Yoon que, “como se intentar organizar unha insurrección non fora suficiente, agora está incitando os seus seguidores a un enfrontamento externo”.
A destitución definitiva de Yoon depende do Tribunal Constitucional, que ten que decidir se ratifica ou revoga a decisión parlamentaria. Tras Yoon, o ex primeiro ministro Han Duck-soo, que asumiu as súas funcións, tamén foi cesado, ficando os poderes presidenciais en mans de Choi Sang-mok, primeiro ministro e titular de Finanzas.
Accidente de avión
Kim E-bae, presidente de Jeju Air, foi obxecto dunha prohibición para saír de Corea do Sur pola investigación arredor do accidente aéreo dun avión Boeing da compañía o pasado 29 de decembro, no que faleceron 179 persoas e apenas dúas foron quen de sobrevivir.
A Policía indicou que efectuou rexistros no aeroporto de Muan, no que se produciu o accidente, ou na oficina da aeroliña en Seúl, a capital.