As autoridades surcoreanas piden unha orde de arresto contra Yoon por rebelión na lei marcial
A Oficina de Investigación de Delitos de Funcionarios de Alto Rango de Corea do Sur solicitou unha orde de detención contra Yoon Suk-yeol, presidente do país mais cuxos poderes foron suspendidos pola Asemblea Nacional, no marco do caso pola proclamación da lei marcial o 3 de decembro, recolleron a segunda feira medios internacionais.
A petición chega despois de que Yoon non se presentara a declarar logo de múltiples citacións por parte do Ministerio Público, que o acusa de rebelión e abuso de autoridade por unha lei de excepción que tivo que anular poucas horas despois ao rexeitala o Parlamento, controlado pola oposición.
Nesa xornada, na que a votación se produciu nun lexislativo asaltado polos militares, o deposto mandatario autorizou os soldados a disparar se era preciso para acceder á Asemblea Nacional e impor a medida, que suspendía todas as actividades políticas, sostén a Fiscalía.
Se a Xustiza a autoriza, Yoon sería o primeiro presidente detido antes de completarse o seu xuízo político, que efectúa o Tribunal Constitucional, encargado de ratificar ou anular a decisión do lexislativo. O seu avogado xa impugnou a petición.
A lei marcial sumiu o país na inestabilidade política. Tras a destitución de Yoon tamén foi deposto polo Parlamento o seu sucesor, o primeiro ministro Han Duck-soo, após negarse a sancionar a proposta parlamentaria para encher as tres vacantes no Constitucional, o que reduciría as posibilidades do conservador de manter o cargo. Neste momento, as funcións presidenciais osténtaas o xa primeiro ministro, ademais de responsábel de Finanzas no Executivo, Choi Sang-mok.
Accidente aéreo
179 das 181 persoas que viaxaban desde a contorna de Bangkok (Tailandia) a Muan (Corea do Sur) morreron o domingo no accidente dun avión de Jeju Air no aeroporto desta última localidade, no que a aeronave estoupou logo de deslizarse máis alá do final da pista de aterraxe.
Despois de que a torre de control autorizara a aterraxe, o piloto do avión declarou a emerxencia, informando do choque con paxaros, unha das posíbeis causas do accidente, canda a “deterioración das condicións meteorolóxicas”, que barallan as autoridades surcoreanas.
En paralelo, e despois dos problemas de seguridade nos últimos meses de Boeing, o fabricante estadounidense do avión, Corea do Sur ordenou unha inspección de todos os modelos 737-800 da marca que están a operar as compañías locais.
