Entra en vigor o arancel dos Estados Unidos de 50% ao aceiro e aluminio de fóra

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o 29 de maio de 2025. (Foto: Federico Gambarini / DPA-Pool)
A UE afirma que as negociacións comerciais "avanzan".

Na mañá da cuarta feira xa estaban vixentes os novos aranceis dos Estados Unidos á importación de aceiro e aluminio, que pasan de 25% a 50%, unha suba que confirmou horas antes o inquilino da Casa Branca, Donald Trump.

O incremento chega cando se prevé que a vindeira semana un tribunal federal de Apelacións traslade o seu veredicto sobre a anulación da inmensa maioría dos aranceis (os do aceiro e o aluminio non están incluídos) que decretou o Tribunal de Comercio Internacional do país americano, ao non estar aprobados polo Congreso, nunha sentenza que ficou suspendida polo de agora.

A Administración estadounidense pormenorizou que a alza non afecta ao Reino Unido, o primeiro territorio co que Trump fechou un acordo comercial, que mantén un gravame de 10% ao país europeo, que a pesar diso facilitará as exportacións de mercadorías estadounidenses.

Á vez, a Unión Europea (UE), que terá que aceptar un pacto semellante para reducir os aranceis que se implementarán aos seus bens, defendeu por medio do comisario de Comercio, Maros Sefcoviv, que as negociacións ao respecto “avanzan na dirección correcta a bo ritmo”.

Asemade, Pete Hoekstra, embaixador estadounidense no Canadá, comunicou á patronal das empresas de automóbiles que non debe preocuparse polas políticas comerciais de Trump, asegurando que o seu obxectivo final é “derrotar a China”, e filtrouse unha listaxe das demandas dos Estados Unidos a Vietnam, e entre elas está reducir o uso de materiais e compoñentes chineses.

En paralelo, fabricantes de coches dos Estados Unidos e dos seus aliados advertiron que “as restricións da China [en represalia á guerra comercial iniciada por Washington] á exportación de aliaxes, mesturas e imáns de terras raras podería provocar atrasos e cortes na produción”, reportou a axencia Reuters, que sostén que se trata dunha “alarma mundial”.

No contexto do control chinés das cadeas de subministración de minerais críticos, Bruxelas aprobou a cuarta feira unha listaxe de 13 proxectos fóra do bloque cos que aspira a garantirse o seu acceso, e que se desenvolverían en Ucraína, Serbia, Brasil, o Canadá, Suráfrica ou Zambia.

En última instancia, a quinta expira sen posibilidade de ser prorrogado o mecanismo co que a UE eliminou desde a invasión rusa os aranceis ás exportacións agrícolas ucraínas.

A Comisión Europea xa aprobou medidas transitorias que rexeitou detallar, coa esperanza de lograr un acordo entre os membros para fixar un novo marco comercial con Kíiv a longo prazo.