As enquisas dan ao SNP un récord de 70 representantes no Parlamento escocés

O Partido Nacional Escocés lograría nos comicios de 2021 un máis dos conseguidos na súa histórica vitoria de 2011, e sete máis dos que ten na actualidade.

snp
photo_camera Membros do SNP celebran os resultados nas eleccións, en decembro, ao Parlamento británico (Andrew Milligan / PA Wire)

O Partido Nacional Escocés (SNP, nas siglas en inglés) podería conseguir 70 representantes do total de 129 con que conta o seu Parlamento nacional, coñecido como Holyrood (o equivalente ao noso Pazo do Hórreo), segundo a enquisa publicada este domingo, 29 de marzo, por The Sunday Times. As eleccións ao Parlamento de Escocia están prevista para o 6 de maio de 2021.

Segundo os datos ofrecidos por esta sondaxe, elaborada por Panelbase, a formación que lidera a actual primeira ministra do país, Nicola Sturgeon, recibiría un importante apoio para solicitar de novo ao Goberno británico a convocatoria dun segundo referendo de independencia, o coñecido popularmente como indyref2.

'Constituency vote' e 'regional vote'

O sistema electoral escocés mistura o británico, o constituency vote (a candidata ou candidato con máis votos gaña o escano), co maioritario en Europa, o regional vote (vótase unha lista de partido e distribúense os postos proporcionalmente).

No constituency vote, as candidaturas do SNP lograrían 51% dos votos (8% máis que na última enquisa de novembro); o Partido Conservador, que ten un novo líder, Jackson Carlaw, mantense en 26%; o Partido Laborista perde cinco puntos até 14%; os Liberal Demócratas perden dous até 6%, e Os Verdes gañan un e chegarían a 3%.

No regional vote, o apoio sobe dez puntos, até 48%, desde novembro. Os tories mantéñense en 26%; os laboristas perden cinco puntos até 13%; os liberal demócratas obteñen 6%, tres menos, e Os Verdes manteríanse, tamén en 6%.

Deste modo, de se repetir o resultado da sondaxe nas eleccións de 2021, o SNP o apoio electoral traduciríase nun total de 70 representantes en Holyrood. Isto é, un máis dos 69 conseguidos en 2011, cando os nacionalistas lograron por vez primeira a maioría parlamentaria. Actualmente, tras as eleccións de 2016, conta con 63.

Resultado dun referendo

A sondaxe, que contou con 1.023 entrevistas elaboradas entre o 24 e o 26 de marzo, tamén mostra un lixeiro ascenso de dous puntos, até 49%, no apoio á independencia con respecto ao estudo de novembro. Non obstante, a maioría das persoas consultadas manifestáronse en contra (51%).

Ademais, a respecto da xestión da crise do coronavirus, Nicola Sturgeon recibiu unha nota positiva de +54, mentres que o primeiro ministro británico, Boris Johnson, quedou en +17.

Comentarios