Unha empregada do aeroporto de Palma enfróntase a unha multa de 200.000 euros por falar catalán

A Garda Civil acusa esta traballadora de poñer en perigo a seguridade despois de que un axente lle recriminase ao pasar o control que “á autoridade fálaselle en castelán”.

barajas aeroporto

Unha empregada dunha empresa de servizos do aeroporto de Palma de Mallorca enfróntase a unha multa que pode ser de até 200.000 euros por falar catalán ao pasar polo control de seguridade. Unha noticia que publica o Diario de Mallorca, que informa que a Garda Civil acusa esta traballadora de poñer en perigo a seguridade aérea ao se dirixir en catalán a un dos axentes. Segundo a denuncia interposta pola empregada, Paula Rotger, o garda civil recriminouna por falar catalán: “Á autoridade fálaselle en castelán”.

Os feitos, informa o xornal mallorquín, tiveron lugar hai unha semana cando esta muller foi traballar e ao pasar o control de seguridade o detector deu sinal. Após ser cacheada pola seguridade privada marchou traballar. Pouco despois, cando estaba nunha xuntanza de traballo, personáronse no seu posto laboral dous garda civís e pedíronlle que volvese pasar o control. Ela accedeu e pasou sen problema.

A empregada despediuse dos axentes en catalán, dando grazas pola atención. Foi entón, segundo a denunciante, cando un dos axentes anoxouse e díxolle “ou falas español ou non entras”. Paula contestoulle que tiña dereito a falar en catalán mais o garda civil, segundo ela, negouse a que entrase e acusouna de non pasar o control. Imputóuselle entón unha presunta infracción por poñer en perigo a seguridade do aeroporto. A denuncia da Garda Civil contra a empregada trámitase ante Navegación Aérea.

Comentarios