xoves 24/09/20

A emigración do Reino Unido á UE incrementouse 30% logo do Brexit

"Este aumento das cifras é dunha magnitude que un agarda ver nun país golpeado por unha gran crise económica ou política", segundo explicou Daniel Auer, coautor do estudo.
Funcionarios de Bruxelas retiran a bandeira británica o pasado 31 de xaneiro (Dario Pignatelli / dpa)
Funcionarios de Bruxelas retiran a bandeira británica o pasado 31 de xaneiro (Dario Pignatelli / dpa)

O número de británicos que emigrou a países da Unión Europea desde o referendo do Brexit aumentou 30% e o destino favorito foi España, segundo as conclusións dun estudo elaborado pola Universidade de Oxford e o Centro de Ciencia Social de Berlín a partir de datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) e Eurostat.

O documento destaca que máis da metade do citado aumento total tomou a decisión de abandonar o Reino Unido nos tres meses que seguiron a aquela consulta celebrada en 2016.De acordo con estes estudos, o promedio de británicos que abandonou cada ano o seu país para instalarse noutro da UE entre 2008-2015 situouse en 56.832, fronte aos 73.642 de 2016-18.

O maior incremento rexistrouse na saída de británicos cara a España, onde se estima que agora residen uns 380.000, aínda que a cifra podería variar xa que non é obrigatorio rexistrarse coas autoridades para vivir neste Estado. No entanto, os datos oficiais dispoñíbeis indican que o promedio anual entre 2008-2015 foi de 2.300, mentres que despois do referendo, entre 2016-2018, a emigración de británicos multiplicouse por cinco, ata 21.250.

O segundo destino comunitario máis popular para os británicos foi Francia, que tampouco obriga a cidadanía da UE a rexistrarse e onde esas cifras saltaron nos periodos citados de 500 a 5.000, respectivamente.

Os datos tamén reflicten un incremento de 500% nas solicitudes de pasaportes de países da UE, como Alemaña, que experimentou un aumento de peticións de até 2.000% e que se traduciu na nacionalización de 31.600 cidadáns británicos.

"Este aumento das cifras é dunha magnitude que un agarda ver nun país golpeado por unha gran crise económica ou política", segundo explicou Daniel Auer, coautor do estudo.

comentarios