Elon Musk chancea con adquirir Ryanair: "Canto custaría mercarvos?"

O magnate volveu provocar nas redes sociais cunha mensaxe dirixida á liña área irlandesa, á que chegou a propor cambiar a dirección e someter a compra a votación pública.

Elon Musk (Foto: Hannibal Hanschke / Reuters Images / DPA)
Elon Musk (Foto: Hannibal Hanschke / Reuters Images / DPA)

Elon Musk volveu utilizar a súa propia plataforma, X (antigo Twitter), para lanzar unha das súas provocacións habituais no ámbito empresarial. Nesta ocasión, o foco foi Ryanair, despois de que o empresario preguntara publicamente canto custaría mercar a coñecida liña aérea de baixo custo.

Todo comezou cun chío da conta oficial de Ryanair que respondía cun irónico "wifi nos avións" á pregunta dun usuario: "Que propaganda non crerás nunca?". Musk respondeu directamente a mensaxe coa frase: "Canto custaría mercarvos?", iniciando unha cadea de interaccións que axiña se fixeron virais.

Lonxe de quedar aí, o fundador de Tesla e SpaceX foi máis alá e escribiu: "Quero pór Ryan á fronte de Ryanair. É o teu destino", xogando co nome da compañía e activando ao mesmo tempo unha enquisa no seu perfil para que as persoas usuarias votasen se debería ou non mercar a liña aérea irlandesa.

Nun ton aínda máis agresivo, Musk atacou directamente o conselleiro delegado de Ryanair, Michael O’Leary, cunha mensaxe insultante: "Michael O'Leary é un parvo retrasado que ten que ser despedido. Que vaia pastar!". As palabras xeraron críticas inmediatas polo seu contido ofensivo, aínda que tamén reforzaron a visibilidade do episodio.

Desde Ryanair, coñecida pola súa comunicación provocadora nas redes sociais, non houbo de momento unha resposta directa á proposta de compra nin aos ataques persoais de Musk, máis alá do ton irónico inicial que deu pé á conversa.

A intervención de Musk foi interpretada maioritariamente como unha brincadeira ou unha provocación máis, sen indicios reais de que exista unha operación empresarial en marcha. Con todo, o episodio remite inevitabelmente á compra de Twitter en 2022, unha adquisición tamén precedida por mensaxes ambiguas e bromas públicas, que acabou materializándose e transformando a plataforma no actual X.

Aquela operación, unha das máis controvertidas da súa traxectoria, serve agora como recordatorio de que as provocacións de Musk nas redes sociais non sempre quedan en simples chíos.