Ducias de detidos nunha protesta en Berlín polas restricións da Covid
Máis de cen persoas foron detidas durante as manifestacións convocadas hoxe en Berlín, capital de Alemaña, para protestar polas restricións adoptadas para conter a pandemia, que concluíron co uso de canóns de auga por parte da Policía.
Un portavoz policial confirmou que na céntrica Porta de Brandeburgo se concentraran entre 5.000 e 10.000 persoas. Un milleiro máis fíxoo na Ponte Marschall, perto do Parlamento, onde precisamente se aprobou tamén onte por 415 votos a 236 unha norma para reforzar a capacidade de resposta do Goberno federal, que preside Angela Merkel.
As forzas de seguridade interviron despois de os axentes instaren os manifestantes a respectar a distancia e utilizar máscaras, como xa advertiran as autoridades antes da concentración.
Unha portavoz policial defendeu a actuación "comedida" das forzas de seguridade , "non ao estilo militar", entre outras razóns porque había nenas e nenos nas protestas. Os axentes foron atacados con botellas, pedras e artefactos incendiarios, informaron as axencias internacionais.
Debate no Parlamento
As autoridades sanitarias informaron de 17.561 casos novos de Covid nas últimas 24 horas, que xa son 833.307 desde o inicio da pandemia. Polo menos 13.119 persoas perderon a vida.
O ministro de Sanidade, Jens Spahn, defendeu no Parlamento a xestión do Goberno e chamou a poboación a ter confianza nas autoridades, advertindo de que a nova suba nos contaxios ameaza con levar ao límite a capacidade dos hospitais, especialmente nas unidades de coidados intensivos. Tamén aclarou que "non haberá vacinación obrigatoria nesta pandemia", a respecto da principal queixa nas protestas.
Deputados da ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) exhibiron carteis durante a intervención de Spahn, proclamando o 18 de novembro de 2020 como "o día de defunción da Constitución alemá".