sábado 29.02.2020

A sucesión de Merkel ante o auxe ultra

Europa observa como Alemaña xestiona o avance da extrema dereita, que durante o último ano lle foi comendo terreo á CDU da chanceler nas distintas eleccións rexionais. Onte, ademais, Dresden conmemorou os 75º aniversario do bombardeo aliado.
Bjoern Hoecke, líder da AfD en Turinxia, durante o acto inaugural da campaña no 'land' alemán de Branderburgo, en xullo (Europa Press)
Bjoern Hoecke, líder da AfD en Turinxia, durante o acto inaugural da campaña no 'land' alemán de Branderburgo, en xullo (Europa Press)

A inesperada dimisión esta semana da presidenta da alemá Unión Demócrata Cristiá (CDU), Annegret Kramp-Karrenbauer (AKK), protexida de Angela Merkel para pelexar pola chancelería, trouxo incerteza ao partido nun momento en que a ultradereita non para de comerlle terreo. E abriu un debate interno tras votar con Alternativa para Alemaña (AfD) en Turinxia, onde Die Linke ("A Esquerda") mantívose, por pouco, como forza máis votada.

O 2 de xuño de 2019, o presidente do Goberno rexional de Kassel, Walter Lübcke, foi asasinado. Lübcke, da CDU, recibira ameazas previas pola súa posición a prol da acollida de persoas refuxiadas, a maioría fuxindo dos conflitos en Siria, o Iraq e Afganistán. Poucos días despois, o neonazi Stephan Ernst confesou o crime.

As ameazas a políticas e políticos de todo o abano ideolóxico incrementáronse nos últimos anos en Alemaña, especialmente tras a crise migratoria de 2015-16. Na sociedade alemá, impulsada por organizacións da esquerda, estendeuse a "cultura da benvida", a Willkommenskultur, ás persoas refuxiadas. E a propia chanceler conservadora Angela Merkel ─un referente para toda a dereita europea─ recolleu esas demandas e abriu as portas de Alemaña.

Merkel foi a que cualificou de "imperdoábel" que a CDU en Turinxia votase canda a AfD. A incapacidade para evitar esta votación que rompe co histórico cordón sanitario a partidos da ultradereita, nun país que viu nacer o nazismo, foi unha das razóns que levaron á dimisión de AKK, alcumada en Alemaña como "Mini Merkel".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

comentarios