Dúbidas de Suecia pola súa estratexia fronte á COVID-19

"De enfrontármonos á mesma enfermidade sabendo o que sabemos hoxe, creo que acabariamos facendo algo a medio camiño entre o que Suecia fixo e o que fixo o resto do mundo", sinalou o epidemiólogo que coordina a loita contra o coronavirus no país nórdico.
2020060314275336085
photo_camera Anders Tegnell coordina a loita contra o coronavirus en Suecia (Nós Diario)

O epidemiólogo que coordina a loita contra o coronavirus en Suecia, Anders Tegnell, admitiu onte por primeira vez que o país debería adoptar medidas máis duras para reducir a taxa de mortalidade, que está a día de hoxe entre as maiores per cápita de todo o mundo e moi superior ao resto de veciños nórdicos.

"De enfrontármonos á mesma enfermidade sabendo o que sabemos hoxe, creo que acabariamos facendo algo a medio camiño entre o que Suecia fixo e o que fixo o resto do mundo", sinalou Tegnell nunha entrevista á emisora pública Sveriges Radio.

O experto falou de "potencial de mellora", aínda que se mostrou inseguro sobre se a solución sería tomar máis medidas e durante máis tempo, todas á vez ou cales en concreto.

"Suecia é un dos poucos países que foi fechando paseniñamente, o resto comezou co moito de vez. O problema é que non se sabe que medidas teñen máis efecto, probabelmente saberémolo cando as comecemos a levantar", afirmou.

O Goberno sueco adoptou desde o comezo unha estratexia máis suave que a maior parte dos países europeos, con moitas recomendacións xerais apelando á responsabilidade individual para protexer os grupos de risco, ao tempo que foi introducindo restricións á vida pública.

Así, fecháronse institutos e universidades, mais non gardarías nin escolas nin restaurantes; prohibíronse as visitas nas residencias de maiores e limitáronse as concentracións de persoas permitidas a 50.

Persoas maiores

Segundo os datos de onte, Suecia rexistra 38.589 casos e 4.468 mortes, cunha taxa de 43,2 falecementos por cada 100.000 habitantes, moi superior á do resto de veciños nórdicos, aínda que por baixo dos Estados europeos máis castigados como Bélxica, España, Reino Unido e Italia.

Logo de non rexistrar ningún morto por primeira vez en dous meses o domingo, e apenas 8 na segunda feira, na terza as autoridades comunicaron 65 máis, o que mantén a media diaria actual nuns 50, coa curva de contaxios e mortes en descenso lento desde principios de abril, e a taxa de reprodución por baixo de un.

A alta mortalidade provocou críticas á estratexia sueca, sobre todo fóra do país, aínda que as autoridades mantiveron a liña, admitindo non obstante o fracaso na protección das persoas maiores, que representan máis de dous terzos das mortes.

Comentarios