Un desprendemento nunha mina catalá deixa tres mortes

Os equipos de rescate na mina de Súria, Catalunya, onte. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
Dous dos falecidos no sinistro laboral eran estudantes de mestrado, un deles bolseiro na empresa. A Generalitat comezou unha investigación para esclarecer o acontecido.

Ás 8.53 de onte, os equipos de emerxencia de Catalunya recibiron un aviso por un desprendemento nunha mina de potasa en Súria, 61 quilómetros ao noroeste de Barcelona. Ao chegar, constataron o falecemento de tres persoas atrapadas polo movemento de terra a 900 metros de profundidade.

As vítimas eran xeólogos que traballaban para ICL, a empresa propietaria da mina, e dous estudaban un mestrado na sede de Manresa da Universitat Politècnica de Catalunya. Un deles desenvolvíase como bolseiro na compañía, confirmou o reitor, Daniel Crespo, que trasladou que convocaron un minuto de silencio no centro.

Malia que ICL informou de que en principio só tres persoas traballaban no lugar do desprendemento, subliña que é preciso que os equipos de emerxencia alcancen a zona afectada para ratificalo.

Pola tarde, oito dotacións de bombeiros estudaban como avanzar con garantías de seguridade para o persoal que participa na operación.

En 2013, dous traballadores perderon a vida nun accidente nesta mesma mina por outro desprendemento. Amais, noutras minas da mesma empresa en Catalunya morreron dous operarios cunha semana de diferenza en 2020, e outro máis en 2015.

O conselleiro de Empresa e Traballo de Catalunya, Roger Torrent, comunicou que as instalacións de Súria foron inspeccionadas hai tres semanas, nun rexistro que non implicou a apertura de ningún expediente. En todo caso, anunciou que puxeron en marcha unha investigación para esclarecer o acontecido.

Pola súa parte, o presidente catalán, Pere Aragonès, ofreceu as súas condolencias ás persoas achegadas ás vítimas, mentres que o Concello de Súria decretou dous días de loito.

826 persoas morreron ao longo de 2022 en sinistros laborais no Estado español.