Desartellada a primeira célula terrorista vinculada ao supremacismo branco aceleracionista detectada no Estado

Hai tres detidos, entre eles un líder con antecedentes violentos, que xa mostraran disposición a cometer ataques selectivos seguindo a estratexia da extrema dereita supremacista.
Durante os rexistros practicados en cinco domicilios de Castelló, os investigadores localizaron tamén documentación que exaltaba organizacións terroristas de extrema dereita, así como probas de adestramentos tácticos realizados recentemente polo grupo. (Foto: Europa Press)
A intervención policial confiscou armas e elementos con simboloxía neonazi. (Foto: Europa Press)

A Policía española detivo en Castelló tres persoas vinculadas ao supremacismo branco aceleracionista, nunha operación dirixida polo Xulgado Central nº 6 da Audiencia Nacional que a Policía cualifica como a primeira desarticulación deste tipo de célula terrorista no Estado español. O presunto líder, un home de 48 anos con antecedentes por violencia, ingresou xa en prisión provisional.

Segundo informou o corpo policial, o grupo mostrara "disposición expresa" a levar a cabo atentados seguindo os postulados de 'The Base', unha rede internacional que impulsa accións violentas con finalidade insurreccional e racista, orientadas a "provocar o colapso das institucións democráticas". Na intervención policial recuperáronse nove armas —incluíndo dúas de fogo—, abundante munición, máis de vinte armas brancas, material táctico paramilitar e diversa simboloxía neonazi.

A investigación comezou a principios de 2025, cando axentes especializados en terrorismo de extrema dereita detectaron un individuo "altamente radicalizado", que acabou resultando ser o líder do grupo. Tras meses de seguimento, identificáronse outros dous membros, de 24 e 22 anos, todos eles "plenamente integrados" nos postulados aceleracionistas, que promoven unha espiral de violencia para acelerar un colapso social e político.

A Policía destaca que o líder mantivo contacto directo co fundador de The Base, entidade creada en 2018 e estruturada en pequenas células paramilitares distribuídas internacionalmente. No último mes, o fundador chamara publicamente a consolidar as células activas e a executar "ataques selectivos" en distintos países.

Pertenza a organización terrorista e adoutrinamento con fins terroristas

Durante os rexistros practicados en cinco domicilios de Castelló, os investigadores localizaron tamén documentación que exaltaba organizacións terroristas de extrema dereita, así como probas de adestramentos tácticos realizados recentemente polo grupo.

A célula tiña actividade continua en redes sociais, onde difundía propaganda aceleracionista, lexitimaba a violencia racial e procuraba captar novos simpatizantes. A Policía sostén que os detidos xa verbalizaran a súa intención de executar ataques dirixidos contra persoas ou colectivos concretos, en liña coa estratexia violenta de The Base.

Os tres homes detidos están investigados por delitos de pertenza a organización terrorista, captación e adoutrinamento con fins terroristas e tenencia ilícita de armas.

A operación foi desenvolvida pola Comisaría Xeral de Información en colaboración coa Brigada Provincial de Castelló e contou tamén con apoio da Europol, que desde 2019 alerta do crecemento do terrorismo supremacista branco no ámbito europeo.

Comentarios