Desaloxos en Málaga, suspendido o AVE con Madrid e inundacións no Hospital Clínico: así decorre a nova DINA no Mediterráneo

A Aemet estima que en varios puntos do litoral mediterráneo acumularanse 180 litros por metro cadrado.

Veciño da barriada El Brillante, en Málaga, onde se produciron desaloxos preventivos. (Foto: Alex Zea / Europa Press)
Veciño da barriada El Brillante, en Málaga, onde se produciron desaloxos preventivos. (Foto: Alex Zea / Europa Press)

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) mantén activados os avisos por risco extremo en Málaga e Tarragona por precipitacións localmente fortes e persistentes, que en ocasións estiveron acompañadas de tormenta e chegaron a ser torrenciais, provocando ademais inundacións en diversos puntos da cidade malagueña.

As previsións da axencia son que se poidan acumular 180 litros por metro cadrado, tanto en Málaga, Granada, Castelló e no sur de Tarragona. Tamén, a partir da noite, no litoral de València, onde aínda non se recuperaron dos efectos que provocou a DINA a finais de outubro.

Con vistas a este novo temporal que afecta o litoral mediterráneo nesta cuarta feira, a Junta de Andalucía activou o Plan de Emerxencia e suspendeu as clases en máis de 100 municipios de Málaga, onde se rexistraron máis de 450 incidencias, e Granada, ante o risco de inundacións por chuvias provocadas por esta nova DINA. Fíxose tamén un chamamento a limitar os desprazamentos e a teletraballar na medida do posíbel. Ademais, o Executivo andaluz habilitou, en colaboración cos concellos, cinco albergues para atender as máis de 3.000 persoas desaloxadas de modo preventivo dun milleiro de vivendas da ribeira do Guadalhorce.

Precisamente, segundo avanzou a mañá desta cuarta feira, os centros sanitarios adscritos ao Distrito Málaga-Guadalhorce fecharon as súas portas debido ao empeoramento da situación do temporal, permanecendo abertos os puntos de urxencia. Da mesma maneira, o Hospital Clínico activou o Plan de Emerxencias por Inundacións, polo que desde o centro informaron de que só se encontrará operativo para a atención de Urxencias e Emerxencias. Inicialmente, a zona máis afectada foi o Laboratorio de Análise clínica e algunhas zonas de aparcamento.

Afectación no transporte

Tamén a liña de Alta Velocidade Málaga-Madrid viuse afectada, tendo que suspender o seu servizo, segundo informou o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel, toda vez que a acumulación da auga afectou os sistemas de seguridade da liña, polo que se corta entre Antequera e Málaga até a súa recuperación.

Así deron conta desde o Ministerio, Adif e tamén o ministro, Óscar Puente, nunha mensaxe en redes sociais. Ademais, atópase suspendido o ancho convencional entre Antequera e Málaga, ao igual que a liña C2 de proximidade Málaga-Álora.

As intensas chuvias na capital malagueña e a acumulación de auga en diversos puntos levou tamén o Concello de Málaga a suspender o servizo de todas as liñas de autobús da EMT.

Pola súa parte, o aeroporto Málaga-Costa do Sol operou 135 voos comerciais dos 296 programados para esta cuarta feira. Fontes de Aena informaron da cancelación dun voo e de cinco voos desviaaods.

Comentarios