Análise

Os Dereitos Humanos non se regalan, deféndense

Martín González é responsábel de comunicación de Amnistía Internacional en Vigo.

Actuación do grupo musical Son Das Flores do CEIP Risco, no III Vermú polos DDHH celebrado o sábado 13 de decembro no Centro Social A Nubeira (Vigo). (Foto: Amnistía Internacional)
Actuación do grupo musical Son Das Flores do CEIP Risco, no III Vermú polos DDHH celebrado o sábado 13 de decembro no Centro Social A Nubeira (Vigo). (Foto: Amnistía Internacional)

Este 10 de decembro foi o Día dos Dereitos Humanos, coincidindo co 77º aniversario da súa Declaración Universal. Aproveitamos estas datas para amosar a transversalidade dos DDHH, poñendo rostro e voz ás persoas que, mesmo nesta época de reunión e celebración, non ven os seus dereitos respectados.

A pesar de levar case un século vixente, a Declaración segue sen ser recoñecida en moitísimas situacións e territorios do planeta, o que conduce a crises sociais e medioambientais moi profundas. Con todo, os grupos e asociacións dedicados á defensa destes dereitos incuestionables intentamos non mirar atrás, senón cara a adiante, utilizando tanto os casos de éxito coma as inxustizas aínda sen reparar coma enerxía para seguir loitando.

Este é un mundo convulso, cheo dos chamados "wicked problems": cuestións entrelazadas entre si e sen unha solución evidente ou sinxela. Estes anos, afrontamos unha crise climática que avanza sen control e deixando morte e penuria ao seu paso; pandemias coma a da Covid-19; e sobre todo, desigualdades profundas e crecentes desigualdades entre os Estados e dentro dos mesmos. 

Datos recentes do World Inequality Report amosan que o 0,001% da poboación posúe tres veces máis riqueza que a metade máis pobre (catro mil millóns de persoas! 4.000.000.000!). O 10% con maiores ingresos tamén gaña máis que o 90% restante. A xente que lle quita importancia a todas estas crises e retrasa a súa solución, utilizando o seu poder e influencia, é a que menos afectada estará por elas.

Ás crises de sempre continúan uníndose novas, coma a Intelixencia Artificial. Necesítase unha verdadeira rendición de contas polos danos derivados duns sistemas cada vez máis integrados na nosa vida cotiá: educación, sanidade, traballo policial e mesmo prestacións sociais.

De forma paralela, o discurso de odio vai en aumento. O populismo divídenos, mentres que as tecnoloxías que posúen uns poucos determinan o que vemos, pensamos e cremos.

Este 13 de decembro, para amosar a forza que pode ter a colaboración e a solidariedade, Amnistía Internacional organizou en Vigo o III Vermú polos Dereitos. Nel, invitadas e invitados de diversas asociacións, colectivos e sindicatos presentaron os casos de vítimas individuais de violacións de dereitos humanos a prol dos que traballamos na campaña anual "Regala as túas Palabras", centrada este ano no impacto da crise climática. 

Velaquí unha mostra deles, tendo en conta que existen milleiros de casos así en todo o mundo, e que debemos telos sempre en mente cando falemos de dereitos humanos:
-As Guerreiras pola Amazonía, grupo de mozas da Amazonía norte do Ecuador que loitan contra as queimas de gas asociadas á extracción de petróleo, causante de graves contaminacións e degradación ambiental. Mesmo tras lograr en 2021 unha sentenza histórica que obrigaba ao Goberno a eliminar as queimas de gas, as Guerreiras enfróntanse a estigmatización, ameazas e actos de intimidación, sendo chantaxeadas polas autoridades para abandonar o seu activismo a cambio de protección. 
-Unecebo Mboteni, un rapaz de tres anos morto tras caer ao interior dunha letrina de pozo no seu xardín de infancia en Sudáfrica. Un ano despois, a súa familia continúa sen respostas. Ningún pai nin nai debería ter que enterrar o seu fillo porque o Goberno desatendera o seu dereito básico á seguridade. 

Sen dereitos humanos, ningunha sociedade pode sosterse. Porque a seguridade non se constrúe con armas, guerras ou novos oleodutos, senón sobre a xustiza, a dignidade, a liberdade e unha comunidade que se sente protexida.

Hai un par de anos, Amnistía creou a Comisión 2048 nun intento de axudar a que a gobernanza mundial baseada sobre os dereitos humanos tome protagonismo no século XXI, retomando o espírito de cooperación internacional que sucedeu á 2ª Guerra Mundial, en 1948, e que levou á Declaración Universal dos Dereitos Humanos como primeira pedra dun sistema internacional, con eivas, para protexelo. Esa cosmovisión atópase en cuestión e cómpre resistir antes de que o mundo se nos bote enriba.

Para rematar esta reflexión, sería axeitado servirnos dun caso que presenta moitas semellanzas coa situación vivida en Galicia. En Noruega, o Goberno está a proxectar a construción de centos de aeroxeneradores nas terras de pastoreo utilizadas polos samis dende fai eóns. A pastora de renos Ellinor Guttorm Utsi, ao tempo que loita para defender a súa comunidade, recalca que "vivimos da terra e estamos orgullosos de quen somos e do que facemos. Hoxe, ese modo de vida está seriamente ameazado". Tomemos nota.

Comentarios