A dereita arrasa e terá a Presidencia boliviana e as dúas cámaras lexislativas

Mesa electoral na Paz (Bolivia), nos comicios xerais do 17 de agosto de 2025. (Foto: Radoslaw Czajkowski / DPA vía Europa Press)

O voto nulo, promovido por Evo Morales, foi a terceira opción máis elixida pola poboación.

O reconto preliminar das eleccións xerais do domingo en Bolivia, que estaba a segunda feira na recta final con 95,4%, confirmou o adiantado polas sondaxes, a fin do ciclo de Goberno do Movemento ao Socialismo (MAS), que se prolongou case dúas décadas, e que foi quen de sobrevivir ao golpe de Estado da extrema dereita en 2019, recuperando o poder democraticamente o ano seguinte, mais non ao enfrontamento entre o seu líder histórico, Evo Morales, e o actual presidente, Luis Arce.

Con todo, o que non foron capaces de vaticinar as enquisas foi a vitoria na primeira volta das presidenciais do conservador Rodrigo Paz (Partido Demócrata Cristián, PDC) con 32,1% dos votos válidos, tres veces máis do que lle prognosticaban, superando o ex mandatario Jorge Quiroga (Liberdade e Democracia, Libre), con 26,8%. A segunda volta desenvolverase o 19 de outubro.

A terceira praza foi para Samuel Doria, da conservadora Unidade, ao que a meirande parte dos traballos demoscópicos outorgaban a primeira praza, con 19,9%. Doria foi precisamente ministro con Jaime Paz, pai do gañador na primeira rolda, na Presidencia.

A moita distancia, con 8,2%, está o primeiro candidato progresista, o presidente do Senado e ex integrante do MAS Andrónico Rodríguez (Alianza Popular, AP). Pola súa parte, Manfred Reyes (da dereita de Autonomía para Bolivia, APB-Súmate) logrou 6,6%, por diante de Eduardo del Castillo, o outro candidato progresista e aspirante do MAS, con 3,2%, un díxito que cando menos permite á formación manter a súa personalidade xurídica.

As porcentaxes das candidaturas son sobre o voto válido, que en Bolivia non inclúe o voto nulo e o sufraxio en branco. (Foto: Nós Diario)

As últimas prazas corresponderon a Jhonny Fernández (Unidade Cívica Solidaria, UCS) e Pavel Aracena (Acción Democrática Nacionalista, ADN), con 1,6 e 1,45% respectivamente.

En paralelo, o voto nulo, promovido polo ex mandatario Evo Morales ante a súa inhabilitación, alcanzou 19,4% do voto total, conseguindo a terceira praza ao finalizar moi por riba de comicios anteriores. O voto en branco sumou 2,45% e participou nos comicios case 89% do electorado.

Cambios no "modelo económico" e "sistema político"

Paz deixou claro na súa primeira intervención que, de facerse coa Presidencia, tratará de “cambiar este modelo económico que traballa para o Estado e non para os bolivianos”, insistindo en que o país “está a pedir un cambio no sistema político”. Ao tempo, Quiroga indicou que “unha longa noite de dúas décadas rematou hoxe”, e afirmou que a “reconciliación non é esquecer”.

Na súa primeira reacción, Morales transmitiu que “aproveito para felicitar este triunfo do pobo boliviano, onde o voto nulo imponse nestas eleccións nacionais”, rexeitando a lexitimidade de calquera forza que se proclame gañadora e sinalando que “a loita segue”.

A el e á súa contorna dirixiuse sen mencionalos explicitamente Rodríguez, entre acusacións de que “foron prioritarios os seus propios caprichos, orgullos e falsas acusacións”, lanzando unha “batalla” na “nosa contra como se fósemos inimigos mortais” e “abrindo camiño” para “os verdadeiros adversarios políticos”.

En última instancia, o certo é que as modificacións de calado ás que aspira Paz están na súa man, pois todo indica que a dereita ficaría coa maioría cualificada na Cámara de Deputados e no Senado, o que lle permitiría cambiar a Constitución.

Na Cámara Baixa, segundo unha estimación do xornal El Deber sobre as e os deputados da listaxe plurinominal –a metade do órgano, a outra metade resulta electa en circunscricións uninominais–, o PDC sería a primeira forza con cando menos 25 asentos, Libre tería como mínimo 20 e Unidade 12. Os dous postos de AP serían a única representación progresista, e a conservadora fecharíana un deputado de APB-Súmate.

Xa na Cámara Alta, o traballo sostén que non haberá ningunha forza de esquerda, nunha institución na que tamén repetiría como primeira forza PDC, con 15 senadoras e senadores, Libre tería 12, Unidade 8 e APB-Súmate 1.