venres 15/10/21

Un deputado do PP a Yolanda Díaz: en Unidas Podemos "as mulleres só soben de se agarrar forte a unha coleta"

A ministra pediu ao deputado popular "que rectifique as súas palabras" pois "son impropias desta Cámara e mostran un exercicio claro de machismo".
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Congreso)
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Congreso)

O deputado do PP Diego Movellán afirmou no Congreso, ante a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que en Unidas Podemos "as mulleres só soben no escalafón se se agarran ben forte a unha coleta", en alusión a Pablo Iglesias e comparando a esta formación "coma o conto de Rapunzel". As súas palabras foron cualificadas de machistas por parte da ministra e o parlamentario retirounas.

O incidente produciuse na Comisión de Traballo, Inclusión, Seguridade Social e Migracións da Cámara Baixa, na que a ministra compareceu por primeira vez desde que o líder de Podemos a sinalase como a súa sucesora na vicepresidencia cdo Goberno e como futura líder de Unidas Podemos, dado que Iglesias será candidato á presidencia da Comunidade de Madrid nas próximas eleccións autonómicas do 4 de maio.

"Falan moito sobre igualdade no seu partido e o seu propio líder deixounos claro que aí dentro as mulleres só soben no escalafón se se agarran ben forte a unha coleta, que para iso son vostedes comoao conto de Rapunzel", manifestou Movellán.

Fronte a iso, a ministra pediu ao deputado popular "que rectifique as súas palabras" pois "son impropias desta Cámara e mostran un exercicio claro de machismo". "As mulleres non nos merecemos ese trato", criticou Yolanda Díaz.

Movellán aceptou retirar as súas palabras, aínda que rexeitou ser machista, reiterándose na súa crítica: "Acúsame directamente de machista, que nunca o fun nin o serei nunca. Non teño inconveniente de retiralo porque os españois sabemos como funciona o seu partido e os seus nomeamentos".

comentarios