"Déixenos morrer en paz" pide Cs ao PSOE en Castela e León

Fracasa a moción de cesura en Castela e León. As Cortes da comunidade viviron un tenso debate entre PSOE e Ciudadanos, a causa da moción de censura presentada polo socialista Luis Tudanca contra a alianza de Goberno conformada pola formación laranxa e o PP. Ante a negativa de CS de favorecer o cambio na comunidade, Luis Tudanca vaticinou a fin deste partido. 
O vicepresidente de Castela e León, Francisco Igea (Cs) aplaude o presidente, Fernando Mañueco (PP). Foto: Claudia Alba / Europa Press
photo_camera O vicepresidente de Castela e León, Francisco Igea (Cs) aplaude o presidente, Fernando Mañueco (PP). (Foto: Claudia Alba / Europa Press)

A moción de censura presentada polo PSOE en Castela e León contra o presidente da comunidade, Alfonso Mañueco (PP), foi rexeitada esta segunda feira, 22 de marzo, na Cámara autonómica. As posibilidades de saír adiante  xa foran desaparecendo desde que en Murcia tres deputados de Ciudadanos deron as costas á moción que o seu partido presentara cos socialistas contra o Goberno do PP naquela comunidade.

Aliás, en Castela e León, a diferenza de en Murcia, houbo outro ingrediente: nin a dirección estatal nin os deputados autonómicos de Cs quixeron romper o cogoberno que manteñen con Mañueco.

Se xa eran poucas as posibilidades que tiña esta moción de prosperar, esta segunda feira pola mañá xa se disiparan cando a deputada non adscrita María Montero (que deixou Cs a pasada semana) anunciou que se abstería na votación da moción. Tamén anunciaron nesta segunda feira a súa abstención o único deputado de Por Ávila e o de Unión del Pueblo Leonés.

E mentres os tres deputados desvelaban o seu voto,o candidato socialista á Presidencia, Luis Tudanca, expuña na Cámara as bases do seu proxecto de Goberno, para o cal xa ficaba claro, tal e como se constatou na votación, que non alcanzaría os 41 votos precisos, pois o PSOE só logrou sumar aos seus 35 escanos os dous que ten Podemos.

Ciudadanos "ao límite"

Tudanca tentou durante o debate en varias ocacisóns convencer Cs de que romperan co PP e, ante a defensa fechada dos laranxas do Goberno de coalición cos populares, asegurou: "Foi un pracer coñecelos, até sempre señores de Cs". Ao que respondeu o portavoz laranxa, David Castaño: "déixenos morrer en paz", e Tudanca engadiu: "Descansen en paz".

O candidato socialista preguntou desde o atril do Parlamento a Cs se o PP de Castela e León é unha “marca branca” ou se “se vende en Mercadona”, tras as críticas de  Cs ao PP de Pablo Casado pero a defensa de Mañueco.

Respecto diso, David Castaño defendeu que os dirixentes do PP cos que el  sentou non eran corruptos, senón persoal “igual de decente” que os socialistas e engadiu que tanto o PP como o PSOE teñen casos de corrupción na súa historia. 

Comentarios