Si definitivo á lei que regula a eutanasia

Após anos de loita e sufrimento, o dereito a morrer dignamente será realidade ao aprobarse onte a lei orgánica para a regulación da eutanasia. É esta unha longa loita que libraron na Galiza múltiples colectivos e persoas, entre as que ten nome propio o de Ramón Sampedro, cuxo caso foi o primeiro en chegar ao Supremo.
Manifestación en Madrid a prol do dereito á morte digna no día en que o Congreso aproba a lei de eutanasia (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Manifestación en Madrid a prol do dereito á morte digna no día en que o Congreso aproba a lei de eutanasia (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O pleno do Congreso aprobou definitivamente a lei para a regulación da eutanasia, logo de o Senado darlle luz verde na semana pasada. 

A normativa, que entrará en vigor aos tres meses de publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE), estabelece que esta práctica poderá levarse a cabo a pacientes que a soliciten e que se atopen nun contexto de "padecemento grave, crónico e imposibilitante ou enfermidade grave e incurábel, causantes dun sufrimento intolerábel".

O paciente deberá ter “nacionalidade española”, residencia legal ou certificado de empadroamento que acredite un tempo de permanencia no Estado superior a 12 meses, así como ter maioría de idade e "ser capaz e consciente no momento da solicitude".

Se o paciente está consciente, debe solicitar a eutanasia dúas veces por escrito (ou por outro medio que deixe constancia se non pode escribir) en dous documentos separados por 15 días, facendo patente que non é "resultado de ningunha presión externa".

Após a primeira solicitude, a médica ou médico responsábel informarao do diagnóstico, posibilidades terapéuticas e resultados esperábeis, así como de posíbeis coidados paliativos, asegurándose de que comprende a información que facilita". Despois, o paciente deberá confirmar a súa intención.

Aínda así, após a segunda solicitude debe haber unha nova reunión entre ambos. Será este médico quen autorizará o proceso, mais antes ten que pedir a opinión dun facultativo formado no "ámbito das patoloxías que padece o paciente" pero que non sexa do seu "mesmo equipo médico".

Así mesmo, a comisión de avaliación autonómica (cuxa formación está especificada tamén na norma) deberá elixir dous expertos (un deles xurista) que avalíen o caso. Estes dous expertos deberán estar de acordo na súa decisión, xa que, pola contra, será o pleno da comisión quen decida.

Aliás, a lei recolle que o persoal sanitario directamente implicado nesta prestación "poderá exercer o seu dereito á obxección de conciencia", un reparo que "deberá manifestarse anticipadamente e por escrito".

PP e Vox votan en contra da lei que recoñece o dereito á morte digna

A lei de regulación e despenalización da eutanasia saíu aprobada no Congreso por 202 votos a favor, 141 en contra e dúas abstencións. O Partido Popular, Foro Asturias, a navarra UPN e Vox rexeitaron a norma.

A deputada ultradereitista, Lourdes Monasterio, adiantou que Vox presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional e solicitará a paralización da norma até que non haxa sentenza. O deputado popular José Ignacio Echániz afirmou que a lei de eutanasia é un "atentado" contra o respecto á vida e dignidade humanas e un "acto antimédico".

Ao seu xuízo, é unha "irreponsabilidade" que se aprobe esta lei no Estado "sen desenvolver antes" os "indispensábeis e raquíticos" coidados paliativos. "A partir de hoxe os máis fráxiles teñen motivos para o medo, desasosego e desconfianza", sentenciou Echániz.

Comentarios