Defensa mantén bens á venda na Galiza por valor de case un millón de euros

Edificio no que está un dos locais en venda propiedade do ministerio. (Foto: Invied)
O Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento (Invied) do ministerio aínda ten activos sen sacar a poxa no país e xa vendeu, polo menos, unhas fincas para construír vivendas na cidade da Coruña.

Malia as críticas que se sucederon, sobre todo na Coruña, pola intención do Ministerio de Defensa de vender unha gran carteira de propiedades na Galiza nos últimos anos, o departamento do Goberno do Estado español segue a ofertar diversos bens coa intención de recadar diñeiro e sacarlle algún rendemento a espazos sen uso. Na actualidade está a piques de fechar tres poxas activas cun valor próximo ao millón de euros.

A través do Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento (Invied), pretende desfacerse de dous locais que foran destinados a oficinas na cidade da Coruña e un edificio ao completo na localidade de Ferrol. En concreto, a próxima cuarta feira 13 de xaneiro, rematarán os prazos para presentar ofertas por un inmoble situado no número 12 da Avenida do Exército e outro no mesmo número, pero neste caso da rúa de José L. Pérez Cepeda.

No primeiro dos casos, Defensa reclama en primeira poxa unha contía de 243.430,40 euros por un espazo de 640 metros cadrados que se atopa fronte ao peirao de San Diego, que no futuro será sometido á desafectacións dos terreos portuarios.

Malia que o espazo precisa dunha reforma, a realidade é que a zona será privilexiada se sae adiante o proxecto para crear un lugar aberto ao mar para o tempo de lecer da veciñanza. Igualmente, se seguise adiante o proxecto de 2004 de fornecer un espazo para o mercado inmobiliario, o local comercial estaría ben céntrico.

Na rúa Pérez Cepeda o inmoble dispoñíbel está a 500 metros da céntrica praza de Pontevedra e ocupa toda a primeira planta dun edificio residencial. Polos 400 metros que na última ocasión estiveron destinados a oficinas da Axencia Tributaria, Defensa pide 164.250,20 euros.

Quizais o prezo máis rebaixado teña que ver co mal estado deste local que data de 1966. Nas características técnicas, o Invied recoñece que hai filtracións, óxido, desaxuste das pezas de carpintería, un mal revestimento do interior, elementos quebrados, non hai illamento térmico, entre outras cuestións.

O outro ben que aparece esta cuarta feira na páxina web é un edificio completo no número 75 da rúa da Magdalena, en Ferrol. Neste caso a poxa finaliza o 16 de febreiro e non se saberá até marzo se houbo ofertas.

Neste último caso, o ministerio demanda 323.049,60 euros por un baixo, catro andares e a baixo cuberta, distribuídos en 1.340 metros cadrados. A cualificación da construción é “dotacional pública”.

Sexa como fora, Defensa ten case un millón de euros en propiedades na Galiza á venda e aínda non rematou de saldar todas as posesións. Aliás, consultado por Nós Diario, o departamento non chegou a recoñecer se deu vendido o terreo de Adelaida Muro na Coruña ou dúas fincas na Maestranza, tamén na Coruña (xa que houbo unha paralización no cambio de mans pola entrada en xogo do Concello), por indicar algúns exemplos.

Unha das poucas operacións que lle saíron ben foi a do campo de tiro de Bande na comarca de Compostela,que colocou en primeira poxa por preto doutro millón de euros.

Ao respecto das propiedades da Maestranza, moi preto do mar e pegadas ao casco histórico da Coruña, desde o Concello aclararon que ao final vendéronse dous dos tres solares “a unha empresa vasca”. Mais o Goberno local tratou de negociar para lograr “unha construción máis ordenada e con espazos libres e menos edificabilidade”.

Sobre a terceira propiedade nese reducido ámbito, que quedou fóra do proceso, desde María Pita lembran que se traballa na modificación do plan parcial desa zona (incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM) para “que non se poida construír alí porque pasa a antiga muralla”.