A maioría das poxas de propiedades de todo tipo fican desertas

Defensa fracasa na venda de bens galegos malia a oferta do campo de tiro de Bando

O Ministerio de Defensa e o Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa levan uns anos tentando desfacerse de bens de todo tipo na Galiza. Malia os esforzos, a maioría dos procedementos quedaron desertos. O último terreo que estaba anunciado foi dos poucos capaces de captar a atención dalgún comprador.
Invied Solar Bande
photo_camera Imaxe aérea dos terreos do campo de tiro de Bando (Foto: Invied)

O Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (Invied), un organismo creado polo ministerio para desfacerse de centos de propiedades inutilizadas e facer caixa, está a fracasar no seu intento de dar saída á bolsa de bens dos que dispón na Galiza. Malia que a última oferta que lle quedaba activa, a do campo de tiro de Bando, preto de Santiago, saíu ben e obtivo 982.286,20 euros en primeira poxa estes días, moitos outros terreos foron retirados por carecer de interese para os compradores. 

Defensa posúe vivendas, locais, garaxes e terras por toda a nación e xa hai uns anos que comezou unha nova vaga de ofertas inmobiliarias para tentar vender espazos que non entran nos seus plans. Do que saíu ao mercado, apenas tivo cambio de mans algunha propiedade. Moitas foron polémicas e quedaron sen mercar pola oposición cidadá. 

O último intento de conseguir diñeiro –no futuro sairán novos solares á venda pois, por exemplo, o ministerio xa confirmara que pretendía desfacerse dunhas instalacións abandonadas no polígono da Grela, na Coruña– e a excepción que confirma a regra foi a poxa pública do campo de tiro de Bando, pola que se abriu un único sobre cunha oferta este 21 de xullo.

Case un millón de euros
A finca en cuestión ten 901.180 metros cadrados e pedíronse por ela, en primeira instancia, 982.286 euros. "As construcións da zona de vida do antigo acuartelamento e campo de tiro foron, na súa maioría, eliminadas e as que quedan están en ruína", indican no Invied. 

Engaden que os camiños "interiores están inutilizados pola vexetación que os cobre case na totalidade". "A propiedade adxudicouse provisionalmente en primeira poxa", confirmaron fontes de Defensa a este xornal. 

Porén, "a tramitación exixe o informe favorábel da asesoría xurídica do Invied O.A. para que o director xerente acorde a aprobación e adxudicación definitiva". Non indicaron quen foi a persoa ou empresa interesada. 

A pesar deste acordo, a realidade é que o resto da campaña inmobiliaria impulsada desde Madrid non saíu como se esperaba. En Ferrol, A Coruña e outras localidades quedaron desertas as distintas poxas e tamén os procesos de venta directa. 

Polémicas e burocracia
Foi o caso dun solar no número 24 da rúa Adelaida Muro da Coruña. Non houbo ofertas nin cando o prezo se rebaixou a 1,4 millóns de euros e, debido á localización, parece que foi a presión pública a que impediu que saíran interesados para promover vivendas. 

"Quedou deserto na cuarta poxa o 7 de febreiro de 2019. Estivo en venta por adxudicación directa até o 7 de febreiro de 2020", confirman en Defensa. En onde avanzan que "está en estudo a tramitación dunha nova subasta, que exixe nova taxación e pregos". 

"Se outras propiedades non están en adquisición directa é previsíbel que estean na mesma situación que o solar da referencia", inciden. Desde o Invied aclaran que cando rematan os tempos das poxas e para facer ofertas hai que reiniciar a burocracia. Mais o brazo inmobiliario de Defensa non se rende. 
 

Comentarios