"Desde Rusia con amor": da cautela española á rebelión italiana

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, e o primeiro ministro de Italia, Giuseppe Conte, na última visita oficial do primeiro a Roma (POLARIS)
O coronavirus está a golpear España e Italia por igual. Inicialmente, a postura que mantiñan era coincidente, mais nos últimos 15 días foise diversificando: mentres que Madrid sostén un perfil máis baixo no seo da UE e da OTAN, Roma enfrontouse aos dous organismos, manténdose firme cos "coronabonos" e pedindo axuda a Rusia, China e Cuba.

As imaxes publicadas hai dúas semanas polo Ministerio de Defensa de Rusia non teñen precedentes. Unha columna de vehículos militares rusos atravesaba o 25 de marzo ─data que pasará aos libros de historia─ a fronteira austríaca e entraba en Italia en dirección a Bérgamo. Portaban pancartas onde se podía ler, en italiano, ruso e inglés: "Desde Rusia con amor".

Os temores que principalmente o Reino Unido e os Estados Unidos albergaban nos estertores da Segunda Guerra Mundial ─é dicir, que o Exército Vermello avanzase cara ao occidente até alcanzar a Fisterra de Europa─ parecían coller forma 75 anos despois.

Os últimos compases do conflito bélico, co nazismo esmorecendo, convertéronse nunha carreira entre a URSS e os aliados occidentais por ver quen ocupaba maior espazo de influencia no Vello Continente: era o inicio da Guerra Fría. As tropas soviéticas pararon en Viena de camiño a Italia, país liberado do xugo de Hitler polos Estados Unidos e co que garda desde entón unha estreita relación cultural e política.

Mais en tempos de "viruspolitik", como os define The Washington Post, todo pode cambiar. O taboleiro de xogo da política internacional estase a reestruturar nestes días de crise e, así finalice, pode deixar novas e inéditas alianzas. Este mesmo xornal estadounidense xa o alertaba hai menos dun mes: "A China e, en menor medida, Rusia, deron un paso adiante para axudar as nacións afectadas. Un papel desempeñado polos EUA desde os tempos da Segunda Guerra Mundial".

Así é que, o Goberno de Italia, superado pola situación e ante a incomparecencia de Washington e de Bruxelas, pediu axuda a Rusia, Cuba e China nun claro xesto de rebeldía e chamada de atención. O xigante asiático, que xa lograra a adhesión de Roma ao seu proxecto da Nova Ruta da Seda ─ou por iso─ respondeu enviando varios avións con respiradores e  máscaras. Tamén equipos médicos, como os que enviou Cuba.

Na sede da OTAN, en Bruxelas, os nomes de Cuba, China e Rusia fan renxer os dentes, conscientes de que no convoi ruso que viaxou a Bérgamo non só viaxaba persoal sanitario. O diario italiano La Stampa recollía entón as declaracións do ex comandante do Batallón de Defensa Química, Biolóxica, Radiolóxica e Nuclear da Alianza Atlántica, Hamish De Bretton-Gordon: "En calquera outra situación, sería inimaxinábel a presenza destas tropas rusas altamente especializadas nun país da OTAN. Con toda seguridade, nese destacamento hai oficiais da GRU [servizo de intelixencia militar ruso] que non perderán o tempo".

E o 2 de abril, o diario español El País publicaba unha entrevista co secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg: "Que Rusia non se equivoque; a OTAN mantén intactas as súas capacidades". Facía referencia a posíbeis movementos en Moldavia, no leste de Ucraína ou Libia, mais había unha ameaza implícita a Italia. E a España.

Sen resposta da OTAN

Mais Madrid xa viña cumprindo coas normas. O 24 de marzo, un día antes da chegada do convoi ruso a Italia, a OTAN informaba nun comunicado que o Goberno español se dirixira ao Centro Euroatlántico de Coordinación de Respostas a Desastres, dependente da Alianza Atlántica, solicitando o envío de material médico. A OTAN, que carece del, trasladou a petición aos restantes 29 membros. Esta foi atendida pola República Checa, Luxemburgo, Turquía e Letonia, mais non polos Estados Unidos ou Francia, tradicionais e máis estreitos aliados de España.

Neste sentido, Luis Gonzalo Segura, ex tenente do Exército de Terra español, criticaba esta semana nunha columna de opinión publicada na web de Russia Today, a cadea de televisión internacional financiada polo Goberno ruso, que dos Estados Unidos "o mesmo país que leva seis anos obrigando os países europeos a aumentar o gasto en defensa até alcanzar inicialmente 2% do PIB, mais co obxectivo de chegar a 4%, ninguén sabe nada". "A OTAN non é solidariedade, é armamento e guerra", reflexionaba o militar.

Tamén no económico os camiños de Italia e de España diverxeron. Nese mesmo 24 de marzo, o Eurogrupo debatía as medidas económicas a adoptar para paliar a crise polo coronavirus. Daquela, os Gobernos italiano e español ─que pedía un "Plan Marshall"─ facían fronte común ante os Países Baixos e Alemaña para pedir que os Estados da eurozona compartisen o pago da débeda xerada en forma de "coronabonos". 

Onte os ministros de Economía volvíanse reunir por terceira vez tras o fracaso desta semana. España descolgábase da exixencia da emisión dos eurobonos e abría as portas a outras posibilidades. Italia mantense firme. Nunha entrevista no diario alemán Bild, esta cuarta feira, o seu primeiro ministro, Giusseppe Conte, insistía en que se deben suavizar as regras orzamentarias: "Se non, farémolo sen Europa e cada un pola súa conta".