Moción de censura

A CUP considera que Pedro Sánchez “tamén é 155”

Mireia Boya, da CUP, e Óscar Valadares, de Mar de Lumes, nun encontro cos medios na libraría Couceiro, en Santiago de Compostela

Mireia Boya, que fai parte do Secretariado da CUP, móstrase en Compostela, onde participou nun acto de Mar de Lumes, “crítica cos sis acríticos” que ERC e PDEcaT darían ao PSOE na moción de censura.

A respecto de Catalunya, a actitude e posicionamento do PSOE de Pedro Sánchez non se diferencia do PP de Mariano Raxoi ou o Ciudadanos de Albert Rivera. Esa é a interpretación que fai a CUP e que expuxo Mireia Boya, que fai parte do seu Secretariado, e que está en Compostela para participar en dous actos (Compostela e Ferrol) organizados por Mar de Lumes. Para Boya, Pedro Sánchez  “tamén é artigo 155”, polo que “sacar a Raxoi por sacalo” para investir o socialista tampouco é, entende a CUP, garantía de nada.

 

A exdeputada pola formación independentista tamén se mostrou crítica coa decisión de Quim Torra de renunciar a manter os consellers encarcerados (Josep Rull e Jordi Turull) e exiliados ( Lluís Puig e Toni Comín) e substituílos para ter un goberno efectivo. “É una capitulación”, sostén a cupaire, que mantén que deste xeito é o goberno español o que decide ou non quen pode facer parte do Govern. E a respecto de que se acabe o 155, en vigor desde hai sete meses, amosouse desconfiada: “O 155 cambiará de nome mais seguirá existindo”.

 

Mireia Boya estará esta cuarta feira en Artábria, Ferrol, ás 20:30 horas, para ofrecer a harla “Unha república sen medo” e tratar o proceso independentista catalán.  Defende a aposta na “resistencia cívil e pacífica” en Catalunya, na “mobilización” para continuar no proceso de “construír a república” en chave popular.