Crónica dunha decisión anunciada: paso atrás de Yolanda Díaz, quen non se presentará ás próximas eleccións estatais
Este xornal explicaba hai uns días que fontes de Sumar non descartaban que a ministra de Traballo "dea un paso atrás e non concorra en ningunha lista nas próximas eleccións" e que desde outras formacións esperaban que "Yolanda actúe con responsabilidade e se aparte porque é momento de novos liderados". Finalmente, esta posibilidade foi realidade.
A vicepresidenta segunda e ministra española de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, dá finalmente un paso atrás. Neste sentido, anunciou o 25 de febreiro, non se presentará ás vindeiras eleccións estatais. "Quero anunciarvos que non serei candidata ás próximas eleccións xerais de 2027. É unha decisión moi meditada e que comuniquei aos meus seres queridos, ao conxunto do meu espazo político e ao presidente do Goberno español [Pedro Sánchez]", sinalou nunha carta difundida a través das súas redes sociais.
O papel que Díaz xogaría após o proceso de reconfiguración da esquerda española —aínda en proceso— era unha incógnita que agora vén de despexar, e tal como adiantaba a pasada semana Nós Diario, a posibilidade cada vez máis plausíbel dentro do seu espazo de que dese un paso atrás, foi finalmente real. "Vou seguir traballando, desde o Goberno e desde fóra do Goberno, polos vosos dereitos, coa mesma convicción de sempre, porque para min a política é unha ferramenta ao servizo da xente traballadora", sinalou nun vídeo publicado tras a carta. "É o momento de gañar", engadiu.
Yolanda Díaz recibiu loanzas dos ministros da súa formación. "Sempre contigo, compañeira", escribiu o ministro de Cultura, Ernest Urtasun. "A mellor ministra de Traballo da historia", dixo o titular de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy. Porén, a lectura doutros apoios esconde un enfoque diferente, o da necesidade da súa saída para unir o espazo da esquerda española.
A ministra de Sanidade e líder de Más Madrid, Mónica García, louvou Díaz por "estar á altura" coa renuncia, e a titular de Mocidade e Infancia, Sira Rego, de Izquierda Unida, eloxiou Díaz "por pór as persoas traballadoras deste país por diante" con esta decisión. Ambas as mensaxes son de apoio, mais nelas percíbese agradecemento por dar un paso que consideran preciso "na nosa cita coa historia". Este enfoque é aínda máis claro nas palabras do coordinador federal de IU, Antonio Maíllo, que resaltou a "xenerosidade e coherencia" de Díaz para tomar unha decisión de "sentido común", resaltando a necesidade de "estar á altura" do momento.
Unha mensaxe, a da "xenerosidade", na que puxo o foco o Movemento Sumar Galicia. Así, para Paulo Carlos López, esta decisión "marca tamén un camiño claro: reforzar o Goberno, seguir construíndo o país que se necesita desde Sumar e tecer as alianzas necesarias para garantir que en 2027 a maioría social volva gañar ás dereitas".
O PSOE expresa respecto
"Primeiro, respectar. Non podemos máis que respectar. Segundo, confianza porque segue sendo vicepresidenta do Goberno e confiamos en que siga facendo cousas en beneficio da cidadanía", manifestou o portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, sobre a decisión de Díaz, ao tempo que dixo esperar que os movementos de unidade do seu espazo político "frutifiquen".
Moi diferente foi a reacción do PP, a través do seu vicesecretario de Educación e Igualdade, Jaime de los Santos, quen afirmou que a motivación do anuncio de Díaz é que "xa non a queren nin os seus". Ademais, antes de coñecer a decisión da ministra, o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, díxolle no Congreso: "Non se faga ilusións, a min este aplauso sooume a despedida".
A sombra de Podemos
Detrás da decisión de Yolanda Díaz aparece unha sombra moi alongada, a do seu enfrontamento irreconciliábel con Podemos e as aspiracións da maioría dos socios que integraron a candidatura de Sumar de crear unha nova fronte da esquerda española, algo para o que a ministra de Traballo, era unha clara rémora.
Cando o líder do que daquela era Unidas Podemos, Pablo Iglesias, deixou o Goberno español para 'salvar' a súa formación en Madrid, deixou, a dedo, Díaz a cargo do espazo. Unha decisión da que hoxe renega, nun clima de enfrontamento entre Podemos exacerbado despois de que, entre outras leas, a ex ministra de Igualdade Irene Montero fora vetada nas listas electorais de Sumar. Talvez, o veto de entón invalide hoxe a ministra de Traballo para a 'reconstrución'.