Yolanda Díaz non será candidata ás próximas eleccións estatais
Yolanda Díaz dá finalmente un paso atrás, e con carácter definitivo. A actual líder de Sumar, vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo vén de anunciar que non se presentará ás vindeiras eleccións estatais, que decorrerán en 2027. "Hoxe quero anunciarvos que non serei candidata ás próximas eleccións xerais de 2027. É unha decisión moi meditada e que comuniquei aos meus seres queridos, ao conxunto do meu espazo político e ao presidente do Goberno", sinalou, a través dunha carta difundida nas súas redes sociais.
O papel que Díaz xogaría após a última reconfiguración do espazo da esquerda española —aínda en proceso— era unha incógnita que agora vén de despexar. E faino reivindicando os seus logros á fronte do Ministerio nos últimos anos: "Conseguimos cousas que cando empecei a miña actividade como ministra parecían imposíbeis". E no tempo que aínda lle queda como ministra antes da seguinte cita electoral asegura que todo ese traballo "seguirá dando pasos e construíndo dereitos".
"Sempre tiven moitas reticencias ante a idea de ser candidata. A política é dura, especialmente para as mulleres, pero non me arrepinto de dar o paso. Miro atrás e estou orgullosa de todo o que conseguimos de forma colectiva e traballando sempre para mellorar a vida da xente", asegura a ministra e vicepresidenta na súa misiva, salientando tamén que manterá ese mesmo obxectivo mais agora cun papel secundario e fóra da primeira liña política.
O anuncio de Yolanda Díaz chega nun momento de gran movemento na política do Estado, logo do chamamento do portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, a construír unha coalición que integre desde forzas de ámbito estatal como Sumar e Podemos até outras nacionalistas como a propia ERC, Bildu ou BNG —que rexeitaron o convite—, e do acto conxunto do pasado sábado de Más Madrid, IU, Comuns e Movemento Sumar, coa ausencia de Podemos e tamén da mesma Yolanda Díaz. A saída da ministra, aliás, empezaba a valorarse como unha posibilidade cada vez máis plausíbel dentro do seu espazo, tal e como xa adiantaba Nós Diario a pasada semana.
Carta completa de Yolanda Díaz
Queridas amigas e queridos amigos.
Quero trasladarvos unha decisión importante. Estamos nun momento de excepcionalidade democrática e cambios profundos en todo o mundo. Neste tempo, o Goberno de España está a ser unha inspiración, un exemplo de que é posíbel facer as cousas doutra maneira.
Nos últimos anos no Goberno conseguimos cousas que cando empecei a miña actividade como ministra parecían imposíbeis. Alcanzamos unha taxa de paro por baixo de 10%, con récord de persoas ocupadas e con enormes taxas de contratación indefinida. O mercado de traballo cambiou no noso país e é grazas ao que conseguimos desde o Goberno e desde o Ministerio de Traballo e Economía Social. Subimos o salario mínimo un 66% até os 1.221 euros con xustiza fiscal, protexemos o tecido produtivo cos ERTE, e a recuperación da capacidade adquisitiva dos traballadores impulsou a economía.
Nun momento en que os dereitos das mulleres e das persoas LGTBIQ+ son ameazados e cuestionados, o noso país seguiu avanzando da man do feminismo. Recoñecemos por primeira vez os dereitos das traballadoras do fogar, lexislamos por primeira vez os dereitos laborais das persoas LGTBIQ+, aumentamos os permisos por nacemento e coidado a 22 semanas —32 nas familias monomarentais— e conseguimos que haxa máis de 10 millóns de mulleres traballadoras e reducindo, ademais, a fenda de xénero un 21%.
A pobreza xuvenil pasou de 28,3% a 20,9%. Hoxe hai case un millón de persoas menos en precariedade laboral. A desigualdade reduciuse tamén a mínimos da serie histórica. E todo isto mentres España crece a 2,8%, o dobre que a media europea.
Nos próximos meses ese traballo seguirá dando pasos e construíndo dereitos. Co Estatuto das persoas bolseiras ou co control horario. Queda moito por facer. Estas mesmas semanas, no medio dun xigantesco avance das políticas do odio en todo o mundo, anunciabamos a regularización de medio millón de persoas migrantes que viven no noso país. Mentres Trump deporta migrantes, España é un pais de acollida que as e os regulariza.
Fixémolo con humildade, con traballo e cun enorme esforzo. Conseguimos o que nos dicían que era imposíbel conseguir. Cando empecei o meu desempeño como ministra fíxeno cun obxectivo na cabeza, cun horizonte claro: servir ás traballadoras e os traballadores do meu país. Cada vez que sentín esa forza desfalecer, cada momento de dúbida, cada conflito, foi o compás dos traballadores e as traballadoras a que me indicou o camiño.
Sempre tiven moitas reticencias ante a idea de ser candidata. A política é dura, especialmente para as mulleres, pero non me arrepinto de dar o paso. Miro atrás e estou orgullosa de todo o que conseguimos de forma colectiva e traballando sempre para mellorar a vida da xente. Vouno seguir facendo, pero hoxe quero anunciarvos que non serei candidata ás próximas eleccións xerais de 2027. É unha decisión moi meditada e que comuniquei aos meus seres queridos, ao conxunto do meu espazo político e ao presidente do Goberno.
Din o paso para encabezar Sumar en 2023 pensando no enorme abrazo dos traballadores e traballadoras do noso país. Dixemos entón que sen Sumar non habería goberno de coalición e logramos revalidar un goberno que todas as enquisas daban por perdido. Estes días penso todo o tempo que esa forza, ese abrazo e ese encontro é o que toca construír e defender. Seguirei traballando no Goberno para cumprir con ese mandato das urnas e avanzar en todo o que nos queda por facer.
Mentres no Goberno seguiremos facendo o noso traballo, ábrense de novo camiños para insuflar de vida e ilusión ao espazo progresista. Vímolo o pasado día 18 de febreiro, co debate pertinente e ambicioso que abriu Gabriel Rufián e vímolo o día 21 coa confirmación de que o espazo que Sumar puxo en pé segue con forza, vocación de maiorías e vontade de acordo e avance social. É o momento de ampliar a democracia e de enchela de sentido e esperanza. Iso é o que necesitamos. É necesario que esa enerxía, da que hoxe vemos os primeiros destellos, creza.
Quero tamén dar espazo e tempo para que o que está nacendo corra coa forza que merece, e acompañalo, coidalo, impulsalo con toda a miña enerxía e coa forza que me dá a convicción. E quero coidar tamén o Goberno de coalición progresista, porque é coidar a mellor ferramenta que temos para seguir gañando dereitos.
A política foi o aire que respirei na miña casa, as palabras coas que aprendín a falar nun fogar cheo de democracia, cultura, dignidade e amor polo común.
A política que aprendín na miña casa é a que practiquei sempre e sigo practicando. E a forza da miña terra, de Galicia, e da miña lingua, ou galego. Esa parte de min que é unha peza dun crebacabezas máis grande.
Temos un país fermoso e diverso, construído de moitas pezas, de moitas historias cruzadas. Un país que non vai permitir que lle torzan o futuro. Que non vai deixar que lle borren as ganas.
Síntome moi orgullosa do que fixemos, pero son consciente de que queda moito por facer. A tarefa pendente é gañar o país. Con claridade, con agarimo, con tenrura, sen medo. Como até o de agora.
Yolanda Díaz Pérez