Sumar Galicia reivindica Yolanda Díaz: “É o capital político máis valioso da esquerda”

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O secretario xeral, Paulo Carlos López, lamentou a decisión da vicepresidenta, reivindicou "a súa xenerosidade" e cualificouna como "a mellor ministra de Traballo que tivo o Estado".

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, expresou esta cuarta feira, 25 de febreiro, o seu "profundo respecto" pola decisión anunciada por Yolanda Díaz de non volver liderar unha candidatura nas vindeiras eleccións estatais, e quixo pór en valor a dimensión política e humana "dunha das figuras máis determinantes da esquerda contemporánea".

López lamentou a decisión, pero reivindicou "a súa xenerosidade" e recordou que é "o maior capital político que ten a esquerda, e iso é algo que non se debe esquecer", destacou nun comunicado. Segundo sinalou, esta decisión "marca tamén un camiño claro: reforzar o Goberno español, onde seguirá sendo a mellor ministra de Traballo que tivo o Estado; seguir construíndo o Estado que necesitamos desde Sumar, e tecer as alianzas necesarias para garantir que en 2027 a maioría social volva gañar ás dereitas".

O secretario xeral do Movemento Sumar Galicia lembrou tamén que baixo a súa dirección se lograron "avances históricos para a clase traballadora e para as maiorías sociais". "A súa capacidade de diálogo, de acadar acordos en escenarios extraordinariamente complexos e de situar a xustiza social no centro da acción política marcou un antes e un despois", destacou. "Ese é o camiño, e nós traballaremos por estar á altura".

Subliñou tamén "o seu traballo pola Galiza e o seu compromiso inquebrantábel coa xente común". Yolanda Díaz "dedicou cada minuto a mellorar a vida das maiorías sociais, demostrando que gobernar é transformar e que a política serve para ampliar dereitos e garantir dignidade", afirmou o secretario xeral. A organización reafirmou que estará ao seu carón "até o último día da súa xestión".