Donald Trump: "Creo que temos un acordo [de paz en Ucraína] con Rusia"

Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, o 13 de marzo de 2025. (Foto: Yuri Gripas - Pool vía CNP / Europa Press / Contacto)
Bruxelas e Kíiv bloquean unha saída negociada.

O mandatario estadounidense Donald Trump revelou na madrugada da quinta feira que “creo que temos un acordo con Rusia” para pór fin á guerra en Ucraína, recoñecendo que o visto e prace de Kíiv á proposta é “máis difícil” de conseguir. 

Asemade, acusou Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, de estender os “campos da morte” no seu país ao non validar o plan do país americano, cuestionando a súa negativa a aceptar de facto a pertenza a Rusia das áreas que controla, e de jure no caso de Crimea, inquirindo “por que non loitaron por ela hai 11 anos cando foi entregada a Rusia sen un só disparo”.

A proposta desenvolta por Washington tamén recolle que Ucraína non entraría na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e serían levantadas as sancións coercitivas contra Moscova, mais non inclúe a demanda ruso de limitar o tamaño do Exército ucraíno.

O enviado especial de Trump, Steve Witkoff, podería reunirse a sexta feira con Vladimir Putin, o líder ruso, para abordar un potencial entendemento.

Pola súa parte, Zelenski anunciou que enviou unha proposta alternativa a Trump, e a Comisión Europea rexeitou tanto as condicións do acordo como a fin das sancións, un aspecto que impediría o pacto.

Ataque a Kíiv

Na madrugada, Rusia lanzou un ataque con mísiles e drones contra Kíiv no que faleceron 12 persoas, aseveraron as autoridades ucraínas, que acusaron Moscova de atacar civís, algo que negou o Kremlin, que remarcou que atacaron “obxectivos militares”. 

Trump reaccionou á ofensiva demandando “Vladimir, para”, e facendo énfase en que “non é necesario e é moi mal momento”.