A Covid-19 non evitou un novo nivel récord nos gases que quecen a Terra

A acumulación de dióxido de carbono continuou a medrar malia a desaceleración industrial provocada polos confinamentos.
co2_onu
photo_camera O forzamento radiativo total subiu 45% por mor dos gases de efecto invernadero de longa duración. (Foto: Nacións Unidas)

A desaceleración industrial debido á pandemia de Covid-19 non freou os niveis récord de gases de efecto invernadoiro que atrapan a calor na atmosfera, elevan a temperatura e provocan un clima máis extremo, din novos datos da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) coñecidos hoxe.

As concentracións de dióxido de carbono (CO2) subiron en 2019 e o promedio mundial anual superou o limiar de 410 partes por millón, un aumento en comparación co ano anterior. En 2020 este incremento continuou malia as medidas de confinamento que reduciron as emisións de moitos contaminantes e gases á atmosfera.

Isto débese a que as concentracións son a suma das emisións pasadas e actuais, que xa de seu teñen flutuacións normais polo ciclo de carbono e pola variabilidade natural. Segundo os científicos, a redución de emisións causada pola Covid-19 ao final non tivo un impacto maior que o destas variacións.

"O dióxido de carbono permanece na atmosfera durante séculos e aínda máis tempo nos océanos. A última vez que se rexistrou na Terra unha concentración de CO2 comparábel foi hai entre tres e cinco millóns de anos.

A temperatura era entón de 2°C a 3°C máis cálida e o nivel do mar entre 10 e 20 metros superior ao actual, mais non había 7.700 millóns de habitantes", explicou o secretario xeral da OMM, Petteri Taalas.

CO2 e quecemento

Desde 1990, o forzamento radiativo total, é dicir a diferenza entre a luz solar absorbida pola terra e a enerxía irradiada de volta ao espazo, subiu 45% por mor dos gases de efecto invernadero de longa duración. A falta de equilibrio nesta relación exerce un efecto de quecemento sobre a Terra, e catro quintas partes dese aumento débense ao CO2.

En total, as concentracións atmosféricas de dióxido de carbono aumentaron en 148% desde a época preindustrial. "O CO2 que temos agora na atmosfera acumulouse desde 1750. Non é o que sucedeu hoxe ou onte, é toda a historia do desenvolvemento humano e económico o que realmente nos leva a este nivel global de 410 ppm", explicou Oksana Tarasova, xefe da División de Investigación Atmosférica e Ambiental da OMM, durante unha conferencia de prensa en Xenebra.

comentarios