'Caixa B' do PP

Cospedal pediu a Villarejo que impedise a publicación dos 'papeis de Bárcenas'

María Dolores de Cospedal, ex secretaria xeral do PP, e o ex comisario José Manuel Villarejo. (Fotos: Carlos Luján e Jesús Hellín / Europa Press)
O ex comisario afirma que pediu a varios xornalistas, entre eles Eduardo Inda, que non difundisen unha listaxe do ex tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, na que aparecía "o presi", en referencia ao ex presidente Mariano Raxoi.

A secretaria xeral do Partido Popular entre 2008 e 2018, María Dolores de Cospedal, pediu en xaneiro de 2013 axuda ao comisario José Manuel Villarejo, agora xubilado, para deter a difusión dos denominados 'papeis de Bárcenas', os documentos que evidenciaban a existencia dunha 'caixa B' no partido.

Así o desvelou esta segunda feira o diario El País, que publicou un audio dunha conversa entre Cospedal e Villarejo que se produciu o 20 de xaneiro. Neste diálogo, gravado polo ex comisario e requisado na súa vivenda por orde xudicial dentro da 'Operación Tándem', Cospedal expresa a súa preocupación porque eses documentos, que denomina "libretita de Bárcenas", estivesen en poder de xornalistas, e cuestionaba se estes tiñan unha lista dos supostos beneficiarios dos sobresueldos.

"A libretita... sería mellor podelo parar", pide Cospedal a Villarejo, que tenta tranquilizala e dille que non se preocupe, que vai estar "moi atento" ao tema. Villarejo expresa tamén a Cospedal que teñen que "anticiparse á xogada", algo no que ela está de acordo e polo que engade: "É o máis importante". "[Hai que] ver por onde van respirar e que van facer [os xornalistas] e cal é a evolución de todas estas cousas, e tratar de anticiparnos un pouco á xogada", subliña Villarejo.

Aliás, sinala que estivo "a comer o tarro" aos xornalistas, e menciona Eduardo Inda e Esteban Urreiztieta. "O día de onte estiven a lle comer o tarro [...] a todos, de que non o sacasen. Porque querían sacar ao principio unha lista das que eles dicían que había, unha lista na que estaba o presi [Mariano Raxoi]", advirte.

Nos audios falan das "dificultades" para mudar os parágrafos da causa aberta pola Xustiza que máis afectan o PP

"Ti sacas unha lista así e ao día seguinte teñen unha querela, eh?", contesta Cospedal. Finalmente, o 31 de xaneiro de 2013 publícanse en El País os papeis manuscritos de Luís Bárcenas, entón tesoureiro do PP, que rexistrou unha contabilidade paralela entre 1990 e 2009 coas contías periódicas que membros da cúpula do PP recibiron como sobresoldos.

Cospedal e Villarejo volven falar o 26 de abril de 2013 cando a Policía empeza a elaborar informes sobre os documentos. Ambos os dous falan sobre os informes que saen do Ministerio de Interior cara á Audiencia Nacional, que investiga o caso, e das dificultades que existen para lograr cambiar os parágrafos que máis afectan o PP, segundo estes audios.

Na conversa, Villarejo di que el e o seu "amigo José Luis", en referencia a Olivera, que foi comisario xefe da UDEF, foron "tomar unha copa e cear con 'Morocho'", o inspector de Policía encargado de redactar os informes para o xuíz. "Logo quedou a soas José Luis con este home, coméndolle o tarro porque no informe ía até o nome do presidente, non sei se o sabes", engade.

Morocho sinalou en xuño de 2021 ao xuíz da Audiencia Nacional que instrúe a 'Kitchen' que en xuño de 2013, nunha reunión nunha cafetería co ex xefe da súa unidade, o comisario José Luis Olivera, este ofreceulle un posto en Lisboa e mesmo na ONU porque querían apartalo das súas pescudas nas que indagaba na 'caixa B' do PP.