“Cos tratados de libre comercio non imos ter capacidade de decisión”
Conversamos con Adolfo Araiz, portavoz de EH Bildu no Parlamento de Nafarroa, e asinante en nome da coligazón abertzale da declaración impulsada polo Bloque contra os tratados de libre comercio. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 253.
De que maneira son prexudiciais para os pobos de Europa os tratados de libre comercio?
Hai dúas cuestións que son centrais. Unha específica que atinxe a todos os pobos con ou sen Estado, que é o tema da transparencia. Estes tratados negociáronse dun xeito secreto, como moitos dos tratados de libre comercio, e non sabemos cales son os termos exactos nalgunhas ocasións até que non se leva aos parlamentos a votar. Nese sentido, nós entendemos que a cidadanía debe ter o dereito a coñecer previamente á negociación e á sinatura destes tratados cal é o seu contido, en que lle vai modificar os seus dereitos, en que van modificar as regulacións vixentes, porque o que defendemos é que estamos diante da posibilidade dunha desregulación masiva da política ambiental, sanitaria, das relacións laborais, e para nós coñecer o que se está cocendo é fundamental.
O catedrático Ramón L. Suevos teorizaba recentemente que para Galiza, o ingreso do Estado español na UE supuxo que o noso país pasaba a ter, literalmente, “dous amos”. Os TLC provocarán ese mesmo efecto para as nacións sen Estado?
Estamos diante dunha ameaza maior para articular unha opción política de autogoberno que poña en cuestión a transferencia de soberanía. Calquera movemento político que aspire a articular maiorías para poder gobernar vaise atopar con que se transferiron competencias, por exemplo en materia de medio ambiente, sobre as que non se vai poder lexislar pola existencia das cortes de arbitraxe ás que poderán acudir os investidores para denunciar que unha normativa que se pretenda aprobar en Galiza ou en Nafarroa atenta contra os seus intereses, ameaza o seu dereito a comerciar e para pedir unha compensación con indemnizacións millonarias. Quen estamos nun estadio de conquistar cotas de soberanía vemos que cada vez se afastan máis os centros de decisión da cidadanía e esa imposibilidade de desenvolver políticas propias. O exemplo do medio ambiente, da soberanía alimentar, as patentes farmacéuticas, son evidentes. Cos TLC non imos ter instrumentos de decisión.
[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 253, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]