A Corte Suprema dos EUA, a piques de suprimir o dereito ao aborto

Manifestación a prol do dereito ao aborto en San Francisco, o pasado marzo. (Foto: Pat Mazzera / Zuma Press)
Un borrador do Alto Tribunal filtrado esta segunda feira avoga por tombar unha sentenza histórica que garantiu en 1973 este dereito ao entender que estaba recollido na Constitución.

O dereito ao aborto podería ter as horas contadas nos Estados Unidos de América (EUA). Así o ratificou na noite desta segunda feira o xornal estadounidense Politico após filtrar un borrador da Corte Suprema, asinado polo xuíz Samuel Alito, que reflicte o voto favorábel de cinco dos nove membros do tribunal a respecto do histórico caso xudicial 'Roe contra Wade', sentenciado pola propia Corte que agora avoga por tombar o fallo.

Aquela sentenza emitiuse en 1973 e obrigou a derrogar numerosas leis estatais e federais que impedían exercer o dereito ao aborto. "Estaba terribelmente equivocada desde o principio. A súa motivación foi excepcionalmente feble e tivo consecuencias prexudiciais, xa que, lonxe de lograr un consenso nacional arredor do tema do abordo, aguzou o debate e profundou na división", expuxo o xuíz Alito no borrador filtrado.

"A Constitución non fai ningunha referencia ao aborto, e ningún dereito deste tipo está protexido implicitamente por ningunha disposición constitucional", engadiu o maxistrado.

Trátase, porén, dun borrador que aínda podería ser modificado en próximas sesións do devandito tribunal, e mesmo os xuíces e xuízas que o conforman poderían mudar o sentido de cadanseu voto.

O presidente da Corte Suprema, John Roberts, confirmou esta mesma terza feira a autenticidade do borrador, ao tempo que cualificou de "abuso de confianza atroz" a filtración dese mesmo documento. Porén, precisou: "Non representa unha decisión do tribunal nin a posición final de ningún membro sobre o caso".

A este respecto tamén se pronunciou o presidente dos EUA, Joe Biden, para quen o borrador reflicte unha posición "radical" que pon en perigo "todo un abano de dereitos básicos".

Que pasaría no caso de se ratificar o texto?

No caso de que este borrador tornase en fallo firme, o dereito ao aborto veríase gravemente afectado. Segundo apunta o diario The New York Times, máis dunha vintena de estados de maioría conservadora teñen xa senllos proxectos de lei redactados para prohibir o aborto no momento mesmo en que o autorizase a Corte Suprema.

Unha lei de Oklahoma ofrece recompensas a quen denuncien persoas que axuden outras mulleres a abortar

Un deles é Oklahoma, que na pasada quinta feira aprobou unha lei que impide as intervencións após a sexta semana de xestación, algo que xa fora impulsado en Texas. Só prevé como excepción aquelas situacións nas que a vida da nai correse perigo.

Aliás, a norma, coñecida popularmente nos sectores conservadores dos EUA como 'lei do latexo', ofrece recompensas de até 10.000 dólares a aqueles cidadáns e cidadás particulares que denuncien os provedores destes servizos médicos ou as persoas que axuden outra muller a abortar, con penas que poderían alcanzar os dez anos de prisión.