Córsega, o nacionalismo faise grande

En apenas dous anos unha candidatura unitaria do complexo mapa do nacionalismo corso conquistou o goberno da illa (2015) e obtivo 3 dos 4 deputados que se elixían por este territorio para a Asemblea francesa (2017). O 2018 testará a solidez dun proxecto que París non oculta que mira con preocupación.

Córsega
photo_camera Festexo da vitoria nacionalista nas lexislativas francesas, onde Pè a Corsica logrou 3 dos 4 deputados que se elixían pola illa. Imaxe: @Gilles_Simeoni

“Individualistas, hospitalarios, leais, fieis na amizade, ligados ao seu país natal, elocuentes e valerosos. Mais por riba de todo iso, son susceptíbeis”. Así describían Goscinny e Uderzo os corsos no limiar de ‘Asterix en Córsega’, unha banda deseñada que adobada con humor e aventuras un feixe de tópicos que aniñan entre os franceses sobre os habitantes desta illa, coñecida como ‘Illa da Beleza’ e que Francia se anexionou cara a finais do século XVIII. Este territorio, cunha extensión menor que a provincia de Lugo e poucos máis habitantes (320.000) que Vigo, nunca encaixou ben no mapa nacional do xacobinismo francés. Por lingua, cultura, historia, economía, estrutura social... Córsega sempre foi unha ‘anomalía’ para un hexágono onde o centralismo e querencia pola uniformidade fan parte do seu ADN político. Xa no século XIX Victor Hugo escribira aquilo de que "nesta época cada estado ten o seu escravo: Turquía ten Grecia, Rusia ten Polonia, Inglaterra ten Irlanda e Francia ten Córsega"

A recente segunda volta das lexislativas francesas -18 de xuño-, co terremoto político derivado da ‘Vaga Macron’ e derrubo en maior ou menor medida de republicanos e socialistas tivo en Córsega outros protagonistas. Non foi o xoven presidente socioliberal quen protagonizou estes comicios na illa mediterránea, senón o nacionalismo corso, que atinxiu 3 dos 4 deputados que se elixían polos departamentos de Córsega do Sur e Alta Córsega. O cuarto parlamentar en desputa foi, este si, para a República en marcha de Macron. Mais os outros 3 foron para o nacionalismo, que marcou así un novo fito entrando con forza na Assemblée Nationale. Os resultados do 18 de xuño viñan asentar e reforzar que un novo mapa político está en configuración na illa, un mapa que comezou a se fraguar hai dous anos, en 2015, cando o nacionalismo corso conquistara, por primeira vez, o goberno rexional. París aínda non se recuperou da sorpresa.

Pè a Corsica suma rexionalistas, nacionalistas e independentistas. Un mapa complexo que durante anos se dedicou ao ataque cainita uns a outros 

Dúas pulsións que foron quen de sumar

Tradicionalmente, e a grandes rasgos, na illa houbo dúas pulsións dentro do nacionalismo, non poucas veces enfrontadas entre si até extremos cainitas. Por unha banda, o nacionalismo ‘rexionalista’. Por outra, o independentismo. Na primeira volta das eleccións corsas de 2015 non había moitos indicios que permitiran albiscar que puidese haber importantes novidades no escenario electoral. A lista da esquerda francesa que naquela altura gobernaba a illa gañara ese primeiro ‘round’ e emproaba con confianza a segunda volta fronte a unha dereita gala que foi a segunda lista máis votada. Os autonomistas de Femu a Corsica lograran 17,6% dos votos e os independentistas de Corsica Libera, 7,3%.

Porén, ás portas da segunda volta das eleccións, Femu a Corsica e Corsica Libera dan o paso adiante e constitúen a coligazón Pè a Corsica, concorrendo como tal. Obteñen 35,3% dos votos (9 puntos máis que por separado), sitúanse como primeira forza e logran 24 dos 51 deputados. A esquerda francesa obtén 12 escanos, a dereita, 11 e a Fronte Nacional, 4. O único xeito de evitar un goberno nacionalista é unha suma das tres forzas da oposición, incluída a extrema dereita do FN, o que os socialistas desbotan. Pè a Corsica, pois, ten a porta franca para formar goberno e, feito histórico, unha forza propia pasa a gobernar a illa.

Gobernan na illa e copan a representación por Córsega na Asemblea francesa. Hollande, Valls e agora Macron non ocultan o seu desgusto, ao igual que editorialistas dalgúns dos principais medios franceses

Simeoni e Talamoni

Gilles Simeoni é elixido presidente do novo executivo corso. Este avogado xa fixera historia en 2014, cando conquistara a alcaldía de Bastia – 44.000 habitantes, segunda cidade máis poboada e principal porto da illa- para o nacionalismo. O seu apelido non é un calquera en Córsega: é fillo de Edmond Simeoni, histórico do nacionalismo corso que na década dos 70 sufriu cárcere pola ocupación dunhas adegas para denunciar o ‘colonialismo’ francés na illa. A alcaldía reforzou Gilles, nacionalista autonomista e con boas ligazóns co independentismo (como avogado defendeu presos independentistas corsos), como un referente do nacionalismo.

Como presidente da nova Asemblea de Córsega foi eleito J.G. Talamoni, histórico do independentismo, con ben anos de activismo e compromiso nas costas. Para o ex-ministro de Interior francés Chevenement, Talamoni pouco máis daba “que Bin Laden” e así o manifestara a comezos dos dous mil. Na súa toma de posesión Talamoni deu o discurso unicamente en corso, algo que rinchou en Francia, tanto na dereita como na esquerda. O esquerdista Mélenchon cargou con dureza contra el, afirmando que se “sentira ofendido” porque nun parlamento francés non se falara francés. Talamoni, ademais, solicitou no seu breve discurso de non máis de 10 minutos a amnistía para os 25 presos independentistas corsos. O groso da súa intervención tivo como eixo tender a man a todas as organizacións para traballar pola illa e aunar esforzos na defensa da súa identidade cultural e pular polo desenvolvemento e progreso económico..

Talamoni, presidente da Asemblea corsa, manifestouno con claridade na súa toma de posesión: van traballar pola  "emancipación de Córsega". O programa de goberno é, porén, máis 'pragmático'

Analistas e expertos sitúan o éxito de Pè a Corsica nunha serie de factores: a fin do minifundismo no campo nacionalista apostando na unidade, o desgaste das ofertas estatais tradicionais, os escándalos de corrupción que atinxiran membros do anterior executivo, o abandono da actividade armada polo FLNC – conflito que en 40 anos deixou ducias de mortos, con guerra suxa do estado francés incluída-, un programa ‘pragmático’ centrado na defensa das necesidades da illa e en conquistar maiores doses de autogoberno e benestar que foi quen de atraer voto alén do nacionalista.

Novo reto

O 1 de xaneiro de 2018, nace a nova colectividade de Córsega, un organismo político único que substituirá os actuais dous departamentos nos que se divide esta illa, Córsega do Sur e Alta Córsega. Haberá novas eleccións e o nacionalismo quer aproveitalas. Tanto para confirmar o seu bon momento electoral como para, nomeadamente, sentar as bases de cara a erguer unha administración e goberno propio, algo imposíbel actualmente pola estreita marxe competencial que ten o executivo corso. “Gañamos a batalla das ideas”, afirmara en 2015 a candidata de PaC Josépha Giacometti para explicar o éxito nas urnas do nacionalismo. “Foi unha longa marcha até aquí. Córsega non é unha rexión de Francia. Somos un país, unha nación, un pobo”, reiterara Talamoni. 2018 preséntase como un ano fulcral para unha illa que, 300 anos despois da súa anexión por París, comeza, aos poucos, a volver a navegar por si propia. E poucos mariñeiros hai tan bos nesa parte do Mediterráneo como os corsos.

Comentarios