Denuncian ante a ONU

Corenta entidades alertan da violación de dereitos en España

Sede de Nacións Unidas en Xenebra (ONU)
Con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos, un total de corenta asociacións do Estado, entre as que se atopa a Fundación Galiza Sempre, denunciaron ante as Nacións Unidas a “violación de dereitos humanos” que se produce en España. 
 

10 de decembro é o Día Internacional dos Dereitos Humanos e, coincidindo con esta data, diversas entidades do Estado denunciaron perante a ONU que en España se producen “violacións” estes dereitos.

Así, na sede de Nacións Unidas en Xenebra, diversas asociacións, entre as que se atopa a Fundación Galiza Sempre, vinculada ao BNG, apresentaron informes onde se recolle a vulneración de dereitos como o de manifestación, a liberdade de expresión ou a participación política. 

Para alén do máis, nos estudos expostos vértense críticas pola falla de reparación das vítimas do franquismo e alértase da vulneracións dos dereitos lingüísticos. Tamén se denuncia o incumprimento doutros dereitos como os dixitais e a libre navegación, coa aprobación do decreto ‘contra a república dixital catalá’ que aprobou o Goberno de Pedro Sánchez en funcións co apoio da dereita española e a abstención de Unidas Podemos. 

Algunhas das entidades tamén lamentan que non se aclaren responsabilidades pola actuación policial durante o referendo de 1 de outubro e critícase a rixidez da Constitución. 

No Estado español, segundo os informes, prodúcense violacións dos dereitos das persoas con diversidade funcional, vulnéranse os dereitos das mozas e mozos encausados en Altsasua e hai unha inxusta Lei de seguridade cidadá, sinalan as entidades. 

A información achegadas polas asociacións será tida en conta polo grupo de traballo do Exame Periódico Universal, que é o mecanismo do Consello de Dereitos Humanos que avalía a calidade destes dereitos nos diversos Estados. 

Na apresentación das conclusións das organización participou a representante do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento europeo, Ana Miranda; xunto ao coordinador da Assemblea Nacional Catalana, Jaume Bardolet; a vicepresidenta da Plataforma per la Llengua, Mireia Plana; o investigador do Institut de Drets Humans de Catalunya, Karlos Castilla; e a activista de Òmnium Cultural Elena Jiménez, entre outras.