'Galiza pola República' pide a amnistía para as líderes independentistas catalás encarceradas

Cualifica de “inxusta” e “desproporcionada” a sentenza do Supremo sobre as e os líderes independentistas e avoga polo respecto ao dereito a decidir do pobo catalán.

A plataforma ‘Galiza pola República e polo dereito a decidir’ publicou unha Declaración de apoio ao pobo catalán na que pide que se amnistíe as e os presos independentistas cataláns e que se aposte nunha solución negociada ao conflito, sen medidas represivas.

“Estamos diante dun conflito político e a resolución do mesmo debe canalizarse a través das vías democráticas, o diálogo institucional e o respecto á vontade democrática da cidadanía manifestada nas urnas. Para iniciar ese diálogo é imprescindíbel que non existan presas e presos políticos ou persoas que tiveran que ter abandonado Cataluña por ter defendido democraticamente as súas ideas políticas. Cómpre, xa que logo, impulsar unha lei de amnistía para as persoas condenadas”.

Entidades que fan parte desta plataforma, segundo ela propia cita: A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, C.S. Gomes Gaioso, Cultura Aberta de Carral, Acción Antifascista, Anova, BNG, Corrente Vermella, En Marea, Equo, Esquerda Unida, Marea Atlántica, PCG, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, CIG, CRMH.