Corenta e dous millóns de estadounidenses reciben axuda para xantar en Acción de Grazas

Desde o estourido da crise o número de estadounidenses que recorren ás organizacións non gobernamentais para obeteren cupóns de comida, aumentou nun 70%. A data de Acción de Grazas sitúa o número de persoas beneficiarias desta axuda perto do equivalente á poboación do Estado español.

O foro de estudos Sunlight Foundation, sitúa en 42 millóns o número de estadounidenses que solicitaron por Acción de Grazas axuda no Programa asistencial de nutrición suplementaria dos EUA máis coñecido como Food Stamp Program. Segundo esta organización, as persoas beneficiarias desta axuda, que conta cun orzamento anual de 72.000 millóns de dólares, perciben --aliás do bono que outorga acceso a comida subsidiada-- unha axuda adicional equivalente a dous dólares.

Após o estourido da crise económica en 2007, o Ministerio de Agricultura da administración Obama, sinala un incremento do 70% no número de persoas que se acollen ao programa, debido en grande medida ao aumento do desemprego, situado xa en 12 millóns de persoas. Asemade, nos EUA, 40 millóns de persoas viven baixo o limiar da pobreza ou en núcleos familiares empobrecidos, malia que algúns Estados do sur como Carolina do Sur, Novo México ou Arizona,  están a avaliar propostas lexislativas encamiñadas a reducir as axudas a desempregad@s.

Comentarios