Conta atrás para a investidura de Nicolás Maduro como presidente: expectación e alboroto nas rúas de Venezuela
Venezuela vivirá esta sexta feira o arranque dun novo mandato presidencial. O actual presidente, Nicolás Maduro, reivindica "a vitoria popular do 28 de xullo" e tomará posesión por segunda vez do seu cargo nunha cerimonia que, segundo o previsto, dará comezo a primeira hora da tarde na Galiza. Porén, o opositor Edmundo González agárrase ao consenso internacional para abandeirar unha nova era.
Maduro defendeu nas últimas horas que "foi ratificada unha vez máis a vitoria popular do 28 de xullo" durante as manifestacións convocadas esta quinta feira polo oficialismo. "A furia bolivariana ratificou a vitoria da patria, a vitoria da paz", declarou o mandatario na súa canle de Telegram, á vez que celebrou que "o pobo bolivariano, a xente do montón e madura do país encheu as avenidas, rúas e barrios coa súa forza e lealdade".
Maduro acompañou estas declaracións cunha serie de vídeos e imaxes nos que se observan grupos de manifestándose en distintos puntos do territorio nacional. "A miña mensaxe é de alegría, satisfacción e compromiso; xuntos convertémonos nos custodios da paz e defensores da constitucionalidade e a soberanía nacional. Maduramos!", sinalou.
O pronunciamento de Maduro coincidiu no tempo coas acusacións da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH), dirixidas ás autoridades venezolanas, de emprender "prácticas de terrorismo" co obxectivo de "sementar medo e exercer control sobre a poboación", denunciando a detención e desaparición forzosa dunha vintena de persoas, entre as que se atopan o ex candidato presidencial Enrique Márquez e Rafael Tudares, xenro do opositor Edmundo González, no marco das protestas pola investidura de Maduro desde principios desta semana.
Detida e liberada
A líder opositora María Corina Machado confirmou esta quinta que fora detida e posteriormente liberada polas "forzas represivas do réxime" tras finalizar unha manifestación decorrida perto de Caracas na véspera da investidura presidencial.
Machado revelou que se atopa "nun lugar seguro". "O meu corazón está co venezolano que foi ferido de bala cando as forzas represivas do réxime me detiveron. Eu estou agora nun lugar seguro e con máis determinación que nunca antes de seguir xunto a vostedes ata o final!", declarou na súa conta da rede social X, sen entrar en detalles, aínda que asegurou que esta sexta informará sobre "o ocorrido hoxe e o que vén".
Operación de falsa bandeira
Na mesma mensaxe, Machado agradeceu á cidadanía a asistencia ás manifestacións convocadas a escasas horas de que se celebre a investidura presidencial. A resposta do Goberno de Venezuela non se demorou e acusou á oposición de tratar de orquestrar un caso de "falso positivo". "Inmediatamente deixaron correr polas redes nas que menten que foi secuestrada, que foi detida María Corina Machado", relatou o ministro do Interior, Diosdado Cabello, nunha concentración paralela.
"Eu garántolles que se a decisión fose detela, xa estaría detida. Pero ela estaba a rogar [ser arrestada] e todas esas informacións viñeron de fóra sen que houbese nin unha soa razón", reprochou Cabello, que asegura que a noticia "xa estaba montada" polos principais altofalantes da oposición.
Previamente, antes mesmo de que o equipo de Machado confirmase a súa liberación, o ministro de Exteriores, Yván Gil, acusou a oposición de tentar levar a cabo "unha operación de falsa bandeira, burlándose da dereita e do fascismo internacional, que inmediatamente saíu a mentir como de costume".
"A virulencia da reacción dos gobernos e personaxes extremistas internacionais só sinala a complicidade entre os que non aceptan que a oposición é un rotundo fracaso, e actúan como sempre facendo un ridículo de marca maior", engadiu Gil, que lembra que Machado ten abertas "varias causas xudiciais".
