O pobo curdo constitúe a Federación de Rojava ao norte de Siria

Representantes do pobo curdo mais tamén da comunidade árabe, asíria e arménia proclamaron a autoadministración do territorio liberado polas YPG.

Rojava-Syrian-Kurdistan-Joey L
photo_camera Rojava Syrian Kurdistan [Imaxe Joey L.]

O 17 de marzo por volta de 200 representantes do pobo curdo, árabes do norte de Siria, e das comunidades armenia e asiria mantiveron un encontro do que saíu a proclamación da Federación de Rojava, isto é, os territorios liberados polas milicias de autodefensa popular curdas e que viñan sendo xeridas de maneira autónoma. 

Un comité de 31 persoas deberá definir como se artella a Federación de Rojava

O nome oficial será Sistema Federal Democrático de Rojava e contará cun comité conformado por 31 persoas nas que estarán representadas todas entidades étnicas e sociais. Aliás, estará presidida por Mansoor Salom (árabe) e Hadiy Yusuf (curda). 

A principal encomenda deste comité será definir durante os próximos 6 meses  a estrutura concreta da Federación que abrangue os cantóns de Al Jazira/Cizîrê, Kobanê, Efrîn. O subcantón Tell Abyad/Girê Spî e a zona do norte de Alepo. 

O modelo político baséase ou inspírase no do territorio autónomo do Curdistán iraquiano e supón "afondar no proceso de auto-administración" segundo defendeu  Idris Nassan do Partido da Unión Democrática (PYD). 

Sentimos que as potencias mundiais están a usar [o pobo curdo] como unha ferramenta para avanzar nas súas axendas

Após facerse pública a decisión o goberno sirio amosou o seu rexeitamento através do Ministerio de Relacións Exteriores. Nun comunicado advertiu que a Federación "pon en causa a unidade territorial e o pobo de Siria" o que supón contrariar, din, "a Constitución e todos os acordos nacionais e internacionais". 

Porén, desde as PYD en declaracións recollidas por Al-Jazeera lembran que o pobo curdo e as súas expresións políticas foron exclusídas das negociacións de paz que decorren en Xenebra. "Sentimos que as potencias mundiais están a usar [o pobo curdo] como unha ferramenta para avanzar nas súas axendas. É hora de nos protexer a nós propios", apuntou. 

Comentarios