Congreso do PSOE: Sánchez ten garantida a reelección
Arredor de 1.100 delegadas e delegados participan desde a sexta feira no 41º Congreso Federal do PSOE, que se desenvolve até o domingo no Palacio de Congresos e Exposicións de Sevilla baixo o lema “España adianta pola esquerda”.
O líder da formación e presidente español, Pedro Sánchez, será reelixido na reunión, á que chega como único aspirante á Secretaría Xeral após concentrar “o número máximo de avais permitido para a súa candidatura”, remarcou a forza política.
Malia que as actividades xa comezaron a sexta, na mañá do sábado decorrerá a inauguración oficial, e a clausura está previsto que comece ás 11.30 do domingo. Ademais do liderado, tamén se escollerá na xuntanza as persoas que integrarán a Comisión Executiva Federal ou a Comisión Federal de Ética e Garantías, nunhas xornadas nas que se votarán máis de 6.000 emendas ao texto base.
O Congreso deu inicio xusto na xornada na que o ex secretario xeral do PSOE na Comunidade de Madrid, Juan Lobato, que dimitiu do cargo a cuarta feira, declarou no Tribunal Supremo no marco da investigación pola presunta filtración a medios de comunicación do documento no que Alberto González Amador, parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso (Partido Popular, PP), admite ter cometido varios delitos fiscais.
A polémica desatárase poucos días antes, ao transcender que Lobato rexistrou nunha notaría unha conversa con Pilar Sánchez, naquel momento membro do Gabinete da Presidencia do Goberno español, que lle enviou o documento coa confesión sostendo que proviña de medios de comunicación. A causa levou a unha orde inédita para rexistrar o despacho do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, a quen os conservadores acusan da suposta filtración.
En paralelo, foi citado como imputado nun tribunal de Badaxoz (Estremadura), o irmán do mandatario, David Sánchez, alto cargo na Deputación de Badaxoz, e o líder do PSOE estremeño, Miguel Ángel Gallardo, por presuntos delitos contra a Administración Pública por recibir trato de favor na súa contratación e enriquecerse de forma ilegal.
Porén, o informe da Garda Civil que levou á decisión indica que non hai probas e que as acusacións procedían de información falsa en medios de comunicación, derivando nunha denuncia da organización ultradereitista Manos Limpias.
Esta mesma entidade está detrás da denuncia á parella de Sánchez, Begoña Gómez, e busca aproveitar o control dos conservadores do sistema xudicial español.
